Prenden máis un militante independentista


Prenden máis un militante independentista

A policía española arrestou P.M. 'Nahuel', veciño de Compostela. Segundo as primeiras informacións, a detención estaría relacionada cos incidentes rexistrados na capital galega o 9 de xaneiro, unha vez disolta a manifestación de apoio ao preso independentista Hadriam Mosqueira, 'Senlheiro'.


Axentes da policía española prenderon esta cuarta feira o veciño de Compostela e militante independentista P.M., 'Nahuel'. Pasará a disposición xudicial esta mesma tarde, polo que se decretará nas vindeiras 72h o seu ingreso en prisión ou a súa posta en liberdade.

Após practicar o rexistro do domicilio en que o mozo reside, no casco vello da capital galego, as primeiras informacións transladadas á imprensa vinculan o arresto cos incidentes acontecidos nas rúas da capital galega o 9 de xaneiro, unha vez disolta a concentración que o colectivo antirrepresivo Ceivar convocara en solidariedade co preso independentista Hadriam Mosqueira, 'Senlheiro', e que se saldaron coa queima de varios colectores do lixo.

'Senlheiro' fica en prisión preventiva sen ser xulgado e submetido á dispersión en aplicación da lexislación antiterrorista desde o día do seu arresto, o 8 de xaneiro, cando paseaba polo monte dos Batáns, a 500 metros da súa casa, no lugar de Quistiláns (Ames). No interior dunha casa en ruínas a policía incautouse de dous termos metálicos cuxa manipulación atribuíu ao independentista. 

Militante do independentismo galego, 'Nahuel' rexenta unha coñecida taberna no casco vello de Compostela. Ao se coñecer a súa detención, ducias concentráronse ás portas do seu  domicilio, na rúa de Salamanca, que foi cortada polos antidisturbios. Houbo cargas policiais e, segundo testemuñas presenciais, para alén de varias persoas contusionadas que procurarán parte sanitario para interpoñer a correspondente demanda, un dos manifestantes foi detido.



x