REFERENDO POLA INDEPENDENCIA DE CATALUNYA

Os ‘comúns’ de Colau instálanse na ambigüidade e o PDECat fecha filas co 1-O

Os ‘comúns’ de Colau instálanse na ambigüidade e o PDECat fecha filas co 1-O
A Assemblea Nacional Catalana despregou este sábado en San Cugat  a estelada máis grande do mundo [Foto: ANC]
A Assemblea Nacional Catalana despregou este sábado en San Cugat a estelada máis grande do mundo [Foto: ANC]  

Catalunya En Comú alíñase coa posición estatal de Podemos para negaren lextimidade ao referendo impulsado polo soberanismo que só avalan como "mobilización". O Consello Nacional Extarordinario do PDECat reitera o seu apoio "ao cento por cento" á consulta. O PP continúa a lanzar mensaxes en chave de ameaza contra o proceso soberanista, mentres no PSOE, Pedro Sánchez, desautoriza a Felipe González rexeitando a aplicación do artigo 155 da Constitución española contra a Generalitat.


A convocatoria do referendo independentista do 1 de outubro é a pedra de toque na axenda política catalá e estatal. En Cataluña aumentan os movementos conforme se aproxima a realización da consulta, e transparéntanse as dúbidas e as contradicións dos diferentes actores políticos. Neste sentido é moi ilustrativo o contraste entre as posicións fixadas por Catalunya En Comú, o partido de confluencia liderado pola alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, e o PDECat. Os ‘comúns’ mantéñense instalados na ambigüidade, recoñecendo a necesidade dunha consulta e da súa maioritaria demanda popular, mais, ao tempo, rexeitan sumarse nin lexitimar o referendo do 1-O. Pola súa banda, o partido sucesor da extinta Convergencia, tenciona conxurar os síntomas de dúbidas ou división interna a respeito da realización e alcance da consulta, e escenificou que fechan filas co Govern e o bloque soberanista. Pola súa parte, o PP mantén desde Madrid o ‘ruído de sables’ con ameazas cara Catalunya e o PSOE defende que a saída pasa por unha reforma constitucional que non cuestione, iso si, a unidade de España.

 

Referendo “non vinculante”

 

A coordinadora nacional de Catalunya en Comú, reunida este sábado, resolveu “apoiar” a convocatoria do 1 de outubro, pero considerándoa unicamente unha “mobilización” e non un referendo. Desta maneira, os ‘comúns’ anuncian que non lle outorgarán lexitimidade ao resultado da votación na que se chama o pobo catalán a decidir se se constitúe en estado independente. Para a formación de Colau o referendo convocado pola Generalitat “non é o que Catalunya merece e necesita”, aludindo veladamente á necesidade de que a súa realización sexa pactada con Madrid, tal e como defende a nivel estatal Podemos.

 

Catalunya En Comú demanda un referendo pactado co Estado

No entanto, o documento aprobado na coordinadora recoñece que diante do bloqueo político e institucional provocado polo españolismo, existe “unha maioría da poboación catala que considera que o actual marco autonómico está esgotado, e que é necesario avanzar cara a novos escenarios de soberanía mediante mudanzas constituíntes que teñan o seu centro no dereito a decidir”. Alías, critican a coligazón soberanista Junts pel Sí (PDECat e mais ERC), a quen acusan de promover unha “fuxida cara a adiante” en troca de apostaren nun referendo “efectivo e con garantías”.  Pola súa banda, o líder do PSC, Miquel Iceta, mostrouse convencido de que os ‘comúns’ non farán “nada ilegal” de cara ao 1-O, dando a entender que a formación de Colau –con quen cogobernan en Barcelona-- non colaborará desde os concellos na organización da consulta. 

 

División en Podemos

 

A decisión dos ‘comúns’ prodúcese poucos días despois de que se evidenciase a división interna no seo de Podem, a franquía catalá de Podemos. Após o secretario xeral de Podem, Albano-Dante Fachín, chamar expresamente a participar no 1-O, a dirección estatal da formación morada saía ao paso desautorizando de plano a posición da súa organización en Catalunya. Tanto o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, como o seu número dous, Pablo Echenique, manifestáronse contrarios a apoiar a consulta soberanista. “Se eu fose catalán, non participaría no referendo do 1 de outubro”, afirmaron ambos os dous dirixentes. Iglesias, malia declarar formalmente o seu respeito ás decisións de Podem, foi máis alá asegurando que “nós estamos con Xavi Domènech e Ada Colau, que propuxeron o sensato: o 1 de outubro pode ser unha mobilización lexítima, mais iso non é o exercicio do direito a decidir mediante un referendo con garantías e eficacia xurídica”. Unha posición que se sitúa nas antípodas do defendido por Fachín, quen xustificou a súa adhesión ao referendo explicando que "non podemos manter unha neutralidade cando escoitamos a ministra de Defensa apelando o Exército como nos tempos máis escuros deste país" .

 

PDECat fecha filas co 'procés'

 

Onde si parecen determinadas a poñer fin ás dúbidas e a un incipiente ruxe-ruxe de división é no Partido Démocrata Europeo de Catalunya (PDECat). O partido sucesor da extinta CDC, realizou tamén este sábado un Consello Nacional Extraordinario, coincidindo co primeiro aniversario da súa (re)fundación.  O president, Carles Puigdemont, aproveitou o encontro para poñer en valor “a fortaleza interna” do seu partido, asegurando que serán garantía do referendo malia “as ameazas do Estado español”. Pola súa banda a coordinadora xeral do PDECat, Marta Pascal, afirmou que “este partido está ao cento por cento comprometido co proceso político que vive Catalunya, co [president] Puigdemont e cos consellers”. En termos semellantes decorreu a intervención do copresidente do partido, Artur Mas, que fixo un chamado á “unidade”.

 

Puigdemont acusa os 'comúns' de se colocaren "a carón de Felipe González, Aznar e Zapatero" en contra da consulta.

Puigdemont aproveitou para criticar tamén a “ambigüidade” de Catalunya En Comú en relación ao 1-O. “Van vestidos de antisistema pero cando lles pides axuda sistematicamente están ao carón de Felipe González, de Aznar e de Zapatero”, reprochoulles.


O PP insiste no ruído de sables

 

Segundo  Pablo Casado, secretario de Comunicación do PP, o soberanismo catalán "desexarían que lles contestara El-Rei vestido de verde oliva en sinal realizada para todas as televisións"

O soberanismo denuncia que o Partido Popular continúa na súa estratexia de “ameazas” para tentar impedir a realización da consulta. O pasado día 4, coincidindo coa presentación da Lei do referendo, a ministra de Defensa e secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, advertía de que “por terra, mar e aire, as Forzas Armadas e a Garda  Civil, que se atopan onde haxa que protexer os valores da democracia e a Constitución, pero tamén a integridade e a soberanía do noso país”. Este domingo, o vicesecretario de Comunicación dos populares, Pablo Casado, afirmaba nunha entrevista concedida ao dixital The Huffington Post, que os e as soberanistas “desexarían que lles contestara El-Rei vestido de verde oliva en sinal realizada para todas as televisións”. “Eles [o soberanismo] tentan apelar ao símil do choque de trens, pero non hai dous trens. Hai un tren suicida que vai contra un muro, e o muro é a legalidade que está protexida pola Constitución que votaron os cataláns maioritariamente e o referendo do que agora se celebran 40 anos”, acrecentou Casado. O crecente ruído de sables contra Catalunya inclúe ameazas explícitas. “Deben saber que poden ser inhabilitados, que poden recibir peticións pecuniarias como os 10 millóns que se piden a Convergencia e que, sobre todo, terán que enfrontar a propia sociedade catalá que están dividindo de forma irresponsábel” declarou o máximo responsábel de comunicación do PP.

 

Pedro Sánchez desautoriza a Felipe González

 

Desde o Partido Socialista, o seu secretario xeral desmarcouse da posición defendida polo ex-presidente Felipe González que días atrás advogou por aplicar o artigo 155 da Constitución española, no que se prevé a posíbel suspensións de funcións da Generalitat. Para Pedro Sánchez esas declaracións “só serven para alimentar o independentismo”. 

 

Pedro Sánchez afirmou que apelar ao artigo 155 "só serve para alimentar o independentismo".

O secretario xeral do PSOE mantén o seu rexeitamento ao referendo catalán, e propón como alternativa unha reforma constitucional de carácter federal que non concretou e que, segundo el propio, exixía do acordo co PP. “É ineludíbel e inescusábel que o PP participe” da reforma, asegurou. A proposta de Sánchez pasaría polo recoñecemento formal da existencia de “personalidades nacionais”, mais sen comprometer en ningún caso a unidade do Estado español sobre a base da existencia dunha “única soberanía [española]”. 
 



x