A PETICIÓN DE EXTRADICIÓN, A EXAME

17-N, primeira comparecencia de Puigdemont perante o xuíz belga

17-N, primeira comparecencia de Puigdemont perante o xuíz belga
Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital
Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital  

17 de novembro (14 h). Ese día está axendada a primeira vista do proceso sobre a petición española a Bélxica para a extradición de Puigdemont e os 4 membros do Govern que o acompañan. Será nun tribunal de primeira instancia belga e, portanto, contra unha eventual resolución favorábel a Madrid sempre caberían recursos que poderían estender o procedimento durante no mínimo dous meses máis.


Este domingo, o xuíz belga tomou dúas decisións. A primeira, considerar axustada a direito a petición española de entrega do president Puigdemont e os integrantes do Govern Toni Comín, Clara Ponsatí, Lluís Puig e Meritxell Serret. A segunda, deixar en liberdade estas persoas coa adopción de mínimas medidas cautelares, basicamente estaren localizadas e a disposición de calquera requerimento xudicial. Ao non tomar a determinación de lles prohibir falar coa imprensa, o maxistrado abría camiño a que puidesen participar activamente na campaña eleitoral do 21N. A maior restricción sobre eles sería a de movimentos, ao non poderen abandonar territorio belga.

 

O proceso continúa e o xuíz acaba de fixar a primeira vista neste procedimento. Será a sexta feira 17-N. Pode ser o día en que Bélxica diga non á petición española ou que a tramite en sentido positivo, en cuxo caso se abriría un novo proceso, o dos recursos que con toda seguranza formularían president e consellers.

 

O tribunal podería declarar non procedente a extradición co argumento de que no Estado español non estarían suficientemente protexidos os direitos das persoas investigadas pola xuíza Carmen Lamela, o que sen dúbida abriría un conflito de enormes proporcións, sen precedentes, entre dous estados membros da UE.

 



x