A AELG esixe acabar coa “persecución sen límites” contra as institucións literarias catalás

A AELG esixe acabar coa “persecución sen límites” contra as institucións literarias catalás
[Imaxe: EDUARDO CASTRO BAL] Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
[Imaxe: EDUARDO CASTRO BAL] Cesáreo Sánchez, presidente da AELG  

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega emitiu na mañá do sábado un comunicado en que se solidariza coa Associació d'Escriptors en Llengua Catalana dada a “vixilancia especial” que padecen institucións literarias catalás nos días previos ao referendo.


O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de facer público un comunicado en que manifesta a súa solidariedade coa Associació d'Escriptors en Llengua Catalana, AELC, “na denuncia do sometemento a vixilancia especial da Institució de les Lletres Catalanes e o Servei de Biblioteques de la Generalitat”.

 

A entidade que preside Cesáreo Sánchez sinala que as citadas institucións “teñen intervidas as contas e as partidas reservadas para as actividades”. Advirte de que se trata “dun golpe” do goberno central, que pon “a cero euros” a Institució de les Lletres Catalanes e o Servei de Biblioteques de la Generalitat, “impedindo a realización das actividades culturais que lles corresponden”.

 

Sen actividades culturais

 

A AELG lamenta que o Servei de Biblioteques teña que suspender “o servizo, actividades de fomento da lectura, xornadas profesionais, traballos do catálogo e do carné único ou a compra de libros” debido á decisión do Goberno de Mariano Rajoy.

 

Neste contexto, a asociación galega denuncia a “persecución sen límites” contra a cultura catalá. “Non existe ningún motivo, ningunha razón, ningún argumento legal nin paralegal, que xustifique unha actuación que é contraria a un sistema que se autoproclama democrático”, engade a AELG, que esixe a fin da vixilancia especial contra estas institucións.



x