Anticapitalistas recoñecen a República catalá e Iglesias veos "politicamente fóra" de Podemos

Anticapitalistas recoñecen a República catalá e Iglesias veos "politicamente fóra" de Podemos
Pablo Iglesias
Pablo Iglesias  

Agudízanse as tensións en Podemos ante a política a seguir en relación á proclamación da República catalá. Anticapitalistas, a corrente trotskista que se aliou con Iglesias face Errejón en Vistalegre II, saúda a aparición do novo Estado. A resposta do secretario xeral foi fulminante: sitúaos "politicamente fóra de Podemos".


"Temos un proxecto para España e para Catalunya único que garante a unidade territorial", dixo esta segunda feira Pablo Iglesias aos meios ao ser interpelado a respeito da situación criada após a declaración de independencia realizada polo Parlament a pasada sexta feira.

 

Perguntado directamente pola posición adoptada por Anticapitalistas -de simpatía cara á constitución da República catalá-, Iglesias foi tallante e enfatizou que a corrente liderada por Miguel Urbán "está politicamente fóra de Podemos". As trotskistas organizadas en Podemos manifestaron que o aparecimento da República catalá abre un "proceso constituínte" e "rompe co réxime de 1978".

 

Neste conflito Urbán non tería o apoio dos principais referentes institucionais de Anticapitalistas, o alcalde de Cádiz e a secretaria xeral de Podemos en Andalucía, José María González 'Kichi' e Teresa Rodríguez, respectivamente, quen marcaron distanciamento coa postura da súa corrente. Anticapitalistas está representada no Parlamento galego pola deputada Paula Quintairos.

 

A simpatía de Anticapitalistas pola DUI non a sente Pablo Iglesias, quen por súa parte teimou en que "queremos traballar para unha  idea de España en que caiba todo o mundo, con todas as nacións e pobos", visando criar un "espazo amplo de fraternidade".

 

A tensión non é só con Anticapitalistas, senón tamén coa marca catalá da formación morada, Podem, a raíz das declaracións de Albano Dante Fachín, o secretario xeral do partido no Principat, en que defendía a converxencia co bloco independentista e avanzaba que ao seu xuízo ir ás eleccións de 21 de decembro -convocadas por Rajoy- sería unha "contradición" e unha traizón ao "espírito de 1-O".

 

O Consello Cidadá estatal convoca unha consulta ás súas bases en Catalunya para cortocircuitar a achega que Albano Dante propón ao bloco soberanista

 

Iglesias evitou descualificar persoalmente estas declaracións, mais lanzou unha carga de profundidade á autonomía da organización catalá ao convocar desde o aparato madrileño do partido unha consulta ao censo de persoas inscritas en Catalunya sobre a política de alianzas da formación morada.

 

Destarte, o Consello Cidadán Estatal de Podemos resolveu este domingo dirixir esta pergunta ás súas bases catalás: "Apoias que Podem se apresente ás eleccións de 21 de decembro en Catalunya en coligazón con Catalunya en Comú e as forzas políticas irmás que non apoian nen a declaración de independencia nen a aplicación do artigo 155, coa palabra 'Podem' no nome da coligazón e a papeleta?".

 

O que tenciona o aparato estatal é cortocircuitar, por tanto, calquera achega de Podem ao bloco soberanista e situar a súa marca en Catalunya nun espazo central, a confluír cos comúns de Ada Colau, entre o bloco soberanista e o unionista.

 

 



x