Assange, sen conexión a Internet após filtrar informacións comprometedoras para a campaña de Clinton

Assange, sen conexión a Internet após filtrar informacións comprometedoras para a campaña de Clinton
Assange, nunha vídeoconferencia desde a embaixada de Ecuador en Londres
Assange, nunha vídeoconferencia desde a embaixada de Ecuador en Londres  

O fundador e portavoz de Wikileaks acusa do corte da súa conexión a Internet o mesmo goberno que lle concedeu o asilo en 2012. Desde xuño daquel ano, o ciber-activista mora na embaixada ecuatoriana en Londres.


Assange ficou sen conexión a Internet após o sábado Wikileaks ter filtrado correios electrónicos que demostrarían que Hillary Clinton pronunciou tres discursos pagos pola financeira Goldman Sachs, algo que o Partido Demócrata sempre se resistiu a admitir.

A ala esquerda do Partido Demócrata, a representada por Bernie Sanders, atacou Clinton durante as primarias precisamente co argumento de que estaba moi próxima ás elites de Wall Street.

Estas filtracións non son as únicas que está a realizar Wikileaks con material sensíbel para a campaña de Clinton. Desde hai semanas, o portal ciberactivista está a difundir correios comprometedores para o Partido Demócrata. Algunhas fontes afirman que a organización fundada por Assange estaría neste momento en posesión de máis de 40.000 mensaxes enviados por John Podesta, un dos chefes da campaña de Clinton e ex asesor da Casa Branca.

Wikileaks nega calquera vínculo con Moscova e, ao tempo, alega o seu dereito xornalístico a non revelar a fonte da información.

Como conseguiu Wikileaks todo este material? As sospeitas de Washington e dos demócratas apontan a Moscova. Nas últimas semanas, Putin foi sinalado directamente como o responsábel dun ciberataque masivo ao partido que lidera Clinton, visando favorecer as opcións de Donald Trump nas eleccións presidenciais que decorrerán o próximo 8 de novembro.

Wikileaks nega calquera vínculo con Moscova e, ao tempo, alega o seu dereito xornalístico a non revelar a fonte da información.

É nese contexto en que se produce, segundo denuncia Wikileaks, o corte da comunicación por Internet da que viña desfrutando Assange na embaixada de Ecuador, a súa residencia desde xullo de 2012. O ciberactivista australiano solicitou o asilo a Quito ao ter sido demandada a súa extradición pola xustiza sueca en relación a un caso de abuso sexual que atinxiría dúas mulleres. 

Ecuador non quixo oficialmente entrar no asunto do corte de Internet e, a meio dun comunicado oficial, limitouse a sinalar que “face as especulacións de última hora, o goberno de Ecuador ratifica a vixencia do asilo concedido a Julien Assange hai catro anos”.