Puigdemont comparecerá ás 12.30 horas no Clube de Imprensa de Bruxelas cos seus 5 consellers

Puigdemont comparecerá ás 12.30 horas no Clube de Imprensa de Bruxelas cos seus 5 consellers
Puigdemont, Romera e Junqueras, nun acto no  Parlamento europeu
Puigdemont, Romera e Junqueras, nun acto no Parlamento europeu  

[NOTICIA ACTUALIZADA ÁS 11.12] Enorme expectación perante o discurso que vai pronunciar o president. Agárdase que nel esclareza se vai pedir ou non asilo político en Bélxica, tal e como antecipa esta terza feira La Vanguardia.

 


Un avogado flamengo especialista en se opor a peticións de extradicións e que ten representado militantes da organización armada ETA estaría a asesorar neste momento Puigdemont, segundo publicou La Vanguardia.

 

"Se necesita asesoría xurídica serei eu quen o represente", dixo Bekaert ao rotativo catalán. O avogado flamengo foi quen logrou hai 4 anos a extradición ao Estado español da militante de ETA Natividad Jáuregui, unha activista da organización armada que fora localizada en Gante despois de 34 anos dada á fuga.

 

"El está moi tranquilo", dixo á SER Bekaert, quen esclareceu a seguir que a do asilo non é a única opción que manexa Puigdemont. Podería tamén pedir simplesmente asesoría para se defender perante unha eventual petición de extradición formulada polo estado español.

 

"Eu defendín moitas persoas que pedían asilo. Son especialista en impedir extradicións. Non son especialista só en defender vascos", precisou tamén Bekaert á SER.

 

Desde a contorna de Puigdemont non se ten confirmado que Bekaert vai traballar para o president, embora si se afirma que se están a realizar contactos con distintos xuristas na capital belga.

 

En Bélxica non é o goberno quen decide sobre as peticións de asilo, senón unha autoridade independente, un comisario xeral de asilo quen -enfatiza Bekaert- vén obrigado a facer cumprir a Convención de Xenebra.

 

Puigdemont podería invocar a protección legal deste Comisario Xeral de Asilo para se protexer da querela por rebelión e sedición que apresentou contra el esta segunda feira o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza.

 

"Poden pedir asilo, mais non podo predicer cal será a decisión. No pasado defendín vascos e sempre hai surpresas, é imposíbel predicer como vai acabar", di Bekaert, quen ao longo dos últimos 30 anos ten asesorado varios militantes de ETA para conseguiren protección legal fronte ás demandas da xustiza española.



x