60 POR CENTO DOS CONCELLOS CATALÁNS ADIREN XA O REFERENDO

Barcelona non esclarece se colaborará ou non co 1-O

Barcelona non esclarece se colaborará ou non co 1-O

O goberno local de Barcelona mantén unha posición de ambigüidade calculada sobre se participará ou non no referendo do 1-0. Esta sexta feira, o tenente de alcalde Gerardo Pisarello -quen a título persoal anunciou esta semana que votaria SI na consulta- alegou que o concello non tomará unha decisión até saber que pensa facer o Govern para garantir que o referendo se faga con garantías de que non danará nen a institución nen as e os funcionarios.


60 por cento dos concellos de Catalunya -máis de 500- xa teñen comunicado á Generalitat a súa disponibilidade para ceder locais de votación o 1-0. Non é un aceno menor, sendo que a Fiscalía Xeral do Estado anunciou que daría instrucións aos gobernos locais cataláns con vistas a non prestaren nengunha caste de apoio ao referendo. Do contrario poderán incorrer en delitos de desobediencia e prevaricación, perseguíbeis penalmente.

 

Mais loxicamente todos os ollos están postos en Barcelona, a maior cidade de Catalunya, dirixida por unha formación política, Barcelona en Comú, que aínda non ten formalmente tomada unha decisión colectiva sobre o sentido de voto a emitir no referendo.

 

Esta sexta feira, a axenda política vespertina tiña unha cita ineludíbel. O pronunciamento do concello de Barcelona. ElNacional.Cat anunciou que o goberno local daría a coñecer a súa posición por volta das 18.30. Pois haberá que continuar a agardar. Barcelona non esclarece que fará finalmente e remítese ao Govern. Segundo explicou aos meios Gerardo Pisarello, o concello quer saber que medidas vai adoptar a Generalitat para que unha eventual participación de Barcelona no referendo se poda facer "sen pór en risco a institución e os funcionarios".

 

Ao receber en primeira instancia o requerimento de cesión de locais públicos por parte da Generalitat, o goberno local de Barcelona -informou Pisarello- deu orde ao secretario municipal de que comprobase a disponibilidade de espazos utilizábeis como colexios eleitorais. Mais iso foi antes de o TC ter suspendido cautelarmente a convocatoria. Con ese dado novo cima da mesa, Barcelona en Comú non garante a súa participación no referendo, gaña tempo e coloca a presión sobre o Govern.

 



x