POLO APOIO SOCIALISTA AO 155

As bases de Barcelona en Comú votan rachar o pacto co PSC

As bases de Barcelona en Comú votan rachar o pacto co PSC
Votación nunha asemblea de BenC
Votación nunha asemblea de BenC  Foto: BeC

Unha consulta vinculante ás bases deitou como resultado 54 por cento de votos favorábeis a rachar co PSC e 45,6 a manter a coligazón de goberno. Participaron 3.800 persoas inscritas.

 

 


A decisión de pór fin á cohabitación co PSC no goberno local de Barcelona chega a escasos 40 días das eleccións 'autonómicas' do 21-D, comicios en que a confluencia disputará espazos co partido liderado por Miquel Iceta.

 

Con este xiro nos acontecimentos, os comúns agudizarán aínda máis as contradicións internas no seo do PSC, partido en que se teñen producido significativas baixas de cadros dirixentes de altura a consecuencia do seu apoio ao 155 -desde o alcalde de Terrasa ao ex ministro Joan Majó e á ex deputada no Parlament Esperança Esteve.

 

Para Gerardo Pissarello, número 2 de Colau, o PSC está a ser cúmplice dun "proceso de recentralización autoritario". Todos os esforzos feitos por Barcelona en Comú para os socialistas cataláns mudaren de posición terían sido en van, lamentou o dirixente dos comúns.

 

Unha vez que se formalice esta decisión, Barcelona en Comú voltará a gobernar en solitario, con apenas 11 concelleiros. Non está previsto que BeC vaia aceitar a oferta que días atrás lle fixeran chegar o PDeCAT de Xavier Trias e a ERC de Alfred Bosch, a de cogobernar a cidade con eles en troca de que rachase co PSC por culpa do apoio socialista ao 155. Colau racha, si, mais todo indica que, no mínimo antes do 21-D, non fará ningún movimento en dirección a un acordo co bloco soberanista.

 



x