CDU arrebata o seu bastión aos socialdemócratas a catro meses das eleccións federais

CDU arrebata o seu bastión aos socialdemócratas a catro meses das eleccións federais
Angela Merkel
Angela Merkel  SG

O partido de Merkel superou en Renania-Westfalia o SPD, que gobernou este land durante 45 dos últimos 50 anos. A extrema dereita entra no parlamento de Dussedeldorf, do que fica fóra Die Linke.


A catro meses das eleccións federais a CDU de Merkel volveu dar un golpe importante ao seu principal rival, o SPD. E deullo nun dos bastións dos socialdemócratas, o land de Renania do Norte-Westfalia, que o centro esquerda gobernou 45 dos últimos 50 anos. Aliás, este é o estado natal de Martin Schulz, a persoa que tomou o timón do SPD hai uns meses co obxectivo de inxectar ilusión na socialdemocracia para bater Angela Merkel. Porén, Shulz xa acumula, con esta de Renania, tres derrotas noutras tantas citas electorais rexionais.

O SPD perdeu perto de oito puntos e pasou do 39% obtido nos comicios de 2012 a ficar por baixo de 31,5% na cita desta fin de semana. Unha importante caída da que tira rédito a CDU, que obtén 33,7%. Hai cinco anos lograra o 26,3%. Os liberais do FDP obteñen un 12,6% dos sufraxios e escalan até a terceira posición, que até o de agora ocupaba Alianza 90/Os Verdes. Os Verdes logran agora o 6,3% e son quinta forza no parlamento rexional, superados pola extrema dereita da AfD, que rexistra un apoio nas urnas do 7,3% e entra na Cámara renana. Xa teñen apoio en 10 dos 16 lands xermanos.

Die Linke fica fóra do Parlamento de Dusserdolf . Ficou a unha décima de lograr o 5% necesario para entrar na Cámara. Un órgano no que tampouco vai estar o Partido Pirata, que hai cinco anos obtivera case o 8% dos votos e 20 escanos.

Con estes resultados, a CDU parte dunha situación inmellorábel cara ás eleccións federais de finais de setembro mentres que as dúbidas sobrevoan o SPD, que non foi quen de derrotar o partido de Merkel en ningunha das últimas citas electorais.



x