Centos saen á rúa en Bretaña contra os recortes ás escolas de inmersión en bretón

Centos saen á rúa en Bretaña contra os recortes ás escolas de inmersión en bretón
Imaxe de @BreizhCatalunya
Imaxe de @BreizhCatalunya  

Manifestacións en varias cidades e vilas contra as retalladas na contratación de persoal para a rede de ‘diwan’.


Centos de persoas manifestáronse en diversas localidades da Bretaña para denunciar os recortes ás redes de escolas de ensino en bretón, Diwan, unha aposta pola inmersión lingüística que este 2017 fai 40 anos. Kemper, Naomed, Gwengamp foron escenario destas mobilizacións, que denunciaron a política de tesoiradas que afecta o persoal da rede.

 

Nesta rede hai máis de 200 persoas no persoal non docente e das cales só se renovou 51 persoas, o que supón un  prexuízo importante para a actividade normal nestes centros de ensino. Esta política conduce a deixar na escola só aos profesores como único persoal, denuncia Stéphanie Stoll, o que impide o funcionamento normal dun centro de ensino.

 

O 23 de maio de 1977, en Gwitalmeze, unha pequena vila mariñeira de pouco máis de 6.000 habitantes, situada no departamento do Fisterre, botaba a andar a primeira escola ‘Diwan’,  unha posta polo ensino con inmersión lingüística en bretón. Era a primeira ‘semente’ – que é o que significa diwan- para frear o progresivo ermo que o bretón tiña entre mocidade e infancia de Breizh. Na actualidade son 46 os centros desta rede de escolas en bretón e o número de alumnos supera os 4.200.

 

Ademais, desde Diwan teñen claro que sen a posta en andamento deste proxecto (que no seu xurdir tiña un ollo posto na experiencia das ikastolas vascas e outro nas Gaelscoil irlandesas) a administración non acabaría introducindo o ensino bilingüe bretón-francés as escolas públicas e privadas de Breizh (Bretaña).  Máis de 13.000 alumnos aprenden bretón a través deste sistema, cifra que engadir aos máis de 4.000 das ‘diwan’.

 



x