Colau di agora que fará todo o posíbel para garantir a participación no 1-O

Colau di agora que fará todo o posíbel para garantir a participación no 1-O
Ada Colau [FOTO: NacióDigital]
Ada Colau [FOTO: NacióDigital]  

A alcaldesa de Barcelona mantén unha posición de ambigüidade calculada: por un lado, afirma que ten "plena disposición" a facilitar que o referendo se fará; por outra, indica que non vai pór en perigo nen a institución nen as e os funcionarios municipais, apercibidos polo Tribunal Constitucional para non tomaren parte na consulta.


Ada Colau continúa a ser unha das pezas chave do 1-O. Barcelona é central na política catalá e o que vaian facer os comúns desde o goberno local pode acabar desequilibrando a partida que libran neste momento o bloco soberanista e o Estado español. 

 

A dirección de Catalunya en Comú non foi quen de tomar unha decisión sobre o sentido de voto no referendo e desprazou a responsabilidade ás bases, que se pronunciarán esta semana a meio dunha consulta telemática a realizar entre a terza e a cuarta feira. Está previsto que o resultado se coñeza o 15S.

 

En todo caso, os comúns continúan a negar á consulta o carácter de referendo e reférense a ela -mesmo no texto da pergunta ás súas bases- como unha mobilización.

 

Colau si que recoñece a autoridade do TC sobre Catalunya, a diferenza du bloco soberanista que nega toda lexitimidade á instancia xudicial española e pon a Lei do Referendo por diante

 

Esta segunda feira, após a oferenda ao monumento de Rafael Casanova, Ada Colau atendeu os meios e deixou unha mensaxe ambivalante. Disposición a participar no referendo, si, mais petición de garantías para non seren punidos nen concello nen funcionarios por parte do Tribunal Constitucional. Isto último é especialmente relevante, pois Colau si que recoñece a autoridade do TC sobre Catalunya, a diferenza du bloco soberanista que nega toda lexitimidade á instancia xudicial española e pon a Lei do Referendo por diante.

 

Colau dixo que "irá falando" coa Generalitat para ver "de que xeito se pode facilitar que todo o mudo se poda expresar con liberdade" o 1-O. O referente dos comúns censurou, aliás, a intervención da Garda Civil na redacción de El Vallenc -considerouna "vergoñenta"- e chamou a Rajoy a que "non se agache tras xuíces e fiscais" e a que, no canto das respostas represivas, opte por "escoitar o pobo de Catalunya".

 



x