CATALUNYA

Confirman que hai urnas e censo para o referendo independentista do 1-0

Confirman que hai urnas e censo para o referendo independentista do 1-0
Polo momento non trascendeu onde se adquiriron as urnas nin onde se almacenan [Foto: Euroactiv]
Polo momento non trascendeu onde se adquiriron as urnas nin onde se almacenan [Foto: Euroactiv]  

A CUP revelou que así llo garantiron desde o Govern da Generalitat. A deputada cupeira, Mireia Vehí, xustificou a falla de información pola necesaria “astucia” fronte as ameazas do Estado para impedir que o referendo se celebre.


“Hai censo e hai urnas”. Dous dos elementos indipensábeis para a materialización do referendo independentista en Catalunya convocado para o próximo 1 de outubro –dentro de cincuenta días-- están asegurados. Así llo garantiu o Govern da Generalitat á Candidatura de Unitat Popular (CUP), segundo recoñeceu a deputada Mireia Vehí nunha entrevista radiofónica concedida na tarde deste sábado á RAC1.

 

“Isto é o que nos fixeron chegar. Polo tanto, desde esta lóxica de confianza, nós crémolo”, explicou Vehí. No entanto, a deputada cupeira non puido dar máis datos sobre a orixe e localización do censo e as urnas de votación. “Hai informacións que non se poden dar para non ensinar as cartas ao Estado. É unha estratexia de astucia de mínimos”, xustificou.

 

Alías, a deputada independentista anticipou que nos próximos días porase en marcha un sitio web para que funcionariado poida inscribirse voluntariamente para as labores de reconto das mesas. Unicamente persoal público estará facultado para participar da contabilización dos votos. As dificultades impostas polos poderes do Estado español para tentaren impedir a votación, podería provocar segundo Vehí que o do 1-O “non sexa un referendo normal e non se votará coma sempre”. 


 



x