Corbyn defende que o Reino Unido "pode estar mellor fóra da UE"

Corbyn defende que o Reino Unido "pode estar mellor fóra da UE"

No seu discurso inaugural de 2017 como líder do Partido Laborista -cuxo contido avanza esta terza feira The Guardian- Corbyn defende a libre circulación de mercadorías británicas na UE, mais non de traballadoras e traballadores comunitarios no seu país.


Corbyn foi sempre reticente á inserción do seu país na Unión Europea -de facto defendeu o non á continuidade na CEE non referendo de 1975- e o sector crítico do seu partido acusouno de non se empregar a fondo na postulación do si na consulta que resultou no triunfo do Brexit.

Agora -a poucos meses de a primeira ministra Theresa May activar o artigo 50, que abrirá un prazo de 2 anos para a definitiva saída do Reino Unido da UE- Corbyn claramente manifesta os trazos básicos da súa política a este respeito. "Reino Unido pode estar mellor fóra da UE", dirá no discurso inaugural de 2017, segundo avanza The Guardian esta terza feira. E, ao tempo, insistirá en que o Partido Laborista non ten "ningunha obxección de principios" no momento en que se decrete o fin do libre movimento de traballadoras e traballadores comunitarios no seu país.

En esencia, o que pide Corbyn é que o goberno británico poña como prioridade na negociación con Bruxelas das condicións da súa saída de UE o mantimento do "acceso completo" das mercadorías británicas ao "mercado único europeu". O Partido Laborista, enfatiza, quer unha "migración xestionábel" e a "repatriación" de poderes de Bruxelas que permitan ao Estado británico intervir en sectores estratéxicos da economía como o aceiro.

"O Partido Laborista non está comprometido coa libre circulación de cidadáns da Unión Europea como un asunto de principios", di Corbyn

"O Partido Laborista non está comprometido coa libre circulación de cidadáns da Unión Europea como un asunto de principios..Pero tampouco podemos permitirnos perder o libre acceso ao mercado europeu do que tantos negocios e postos de traballo dependen. Os cambios na forma en que funcionan as normas de migración da UE serán parte das negociacións", defende Corbyn.

A posición de líder laborista sería, por tanto, a de negociar unha cousa -as condicións en que se poda mover a forza de traballo comunitaria en Reino Unida - a cambio da outra -a libre circulación de mercadorías británicas no espazo da UE.

"O Partido Laborista defende normas xustas e unha migración razoabelmente xestionada como parte da nosa relación post-Brexit coa UE", defenderá Corbyn no seu discurso, que pronunciará en Peterborough, un distrito tory que votou masivamente pola saída da Unión e que está no ponto de mira da formación socialdemócrata.

En materia de migración, sectores do Labour Party, liderados polo voceiro parlamentar Tom Watson, manteñen unha posición máis restrictiva que a de Corbyn. Defenderían liberdade de acceso para forza de traballo altamente cualificada, si, mais ao tempo o estabelecimento de cotas para as operarias e operarios destinados a ocupar aqueles postos para os que non existe demanda entre a populación británica por estaren mal pagos ou teren más condicións laborais.