Corea do Norte responderá cunha "guerra total" se os EUA lanzan un ataque como o de Siria

Corea do Norte responderá cunha "guerra total" se os EUA lanzan un ataque como o de Siria
Imaxe do lanzamento falido do último mísil norcoreano
Imaxe do lanzamento falido do último mísil norcoreano  

A República Democrática Popular de Corea vai continuar cos seus tests nucleares, afirmou o viceministro de asuntos exteriores, Han Song-ryol en declaracións á BBC.


O obxectivo de Pyongyang é dispor de míseis inter-continentais con capacidade de daren no albo en solo estadunidense. Corea do Norte entende que só se acredita unha fortaleza militar desa envergadura estará en condicións de protexer o seu territorio e de non ser un novo elo na cadea de reximes políticos -Iraque, Libia...- depostos manu militari. O recente ataque dos EUA a Siria -unilateral e sen amparo das Nacións Unidas- dá argumentos ao goberno de Kim Jong-un para perseverar na súa política de defensa. Dificilmente, pénsase en Pyongyang, Washington tería atacado unha base militar siria se Damasco dispuxese de míseis nucleares.

Nese sentido, son moi elocuentes as declaracións do viceministro de Asuntos Exteriores, Han Song-ryol, á BBC: "Se os EUA están a planexar un ataque militar contra nós, reaxiremos cun ataque nuclear preventivo co noso propio estilo e método". Unha "guerra total" será a resposta de Corea do Norte a un ataque norteamericano, enfatizou.

Mentres, en Nova Iorque, o embaixador norcoreano en Nacións Unidas, Kim In-ryong, condenou o ataque dos EUA a Siria, que claramente percebe como un aviso a Pyongyang.

Os EUA, dixo, están a "perturbar a paz e a estabilidades globais e están a insistir nunha lóxica propia dos gángsters segundo a cal a invasión dun estado soberano é unha medida xusta e proporcionada e contribúe para defender a orde internacional".

Hai indicios de que Washington estea a pensar nun ataque a Corea do Norte?

Si, a xulgar polo dito esta segunda feira polo vicepresidente Mike Pence. O número dous da Administración Trump afirmou que "a era da paciencia estratexica [con Pyongyang] pasou a mellor vida".

Trump ten dito millenta veces que non vai tolerar que Pyongyang desenvolva o seu programa balístico nuclear.



x