O DEBATE NO SOBERANISMO

A CUP presiona Puigdemont: a declaración de independencia non pode ser "retórica"

A CUP presiona Puigdemont: a declaración de independencia non pode ser "retórica"
Mireia Boya
Mireia Boya  Foto: NacióDigital

Horas decisivas na decantación definitiva do procés, após o incuestionábel triunfo do SI no referendo do 1-O, a guerra económica aberta por grandes corporacións que deslocan a súa sede social fóra de Catalunya e o contra-ataque unionista coa manifestación masiva deste domingo, engordada por miles de persoas vindas de fóra do Principat.


Neste momento a incógnita principal é se na súa comparecencia parlamentar desta terza feira o president Carles Puigdemont declarará ou non a independencia de acordo co prescrito pola Lei de Referendo, o texto legal suspendido polo Tribunal Constitucional que contemplaba a proclamación do Estado catalán independente no caso de o SI se impor no referendo de autodeterminación.

 

O debate no seo do bloco soberanista é se o Govern debe aterse á literalidade da Lei do Referendo e proclamar a independencia xa de forma unilateral -a coñecida como DUI- ou procurar un subterfuxio que lle faga gañar tempo, do tipo dunha declaración diferida da independencia, isto é, que adíe no tempo a súa plena entrada en vigor após un proceso de negociación (con mediación) con Madrid.

 

Neste debate hai un soterrado xogo de posicións entre os distintos segmentos do soberanismo. Días atrás produciuse unha rechamante toma de posición por parte do conseller Santi Vila (persoa de confianza de Puigdemont, embora a súa condición de independentista tépedo) a prol dun "desarmamento" dos dous bandos en conflito: "Pido un cesar o fogo, mais España aínda non nos dá tregua". Vila propón que nen Madrid nen Barcelona tomen nos próximos días "decisións que podan ser irreparábeis", o que traducido significa que nen DUI nen activación do artigo 155 da Constitución que suspenda a autonomía.


Face esa postura de Vila alzáronse na fin de semana dúas voces moi significativas no seo do soberanismo. A primeira, a de Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural e imputado pola Audiencia Nacional por sedición. O líder do colectivo independentista defendeu que sen DUI "non haberá ningunha mediación internacional". "Agora estamos fortalecidos e é chave dar lle saída á Lei de Referendo".

 

A segunda voz corresponde á deputada da CUP, Mireia Boya, quen a meio dun chío enviou un clarísimo recado a Puigdemont: a declaración de independencia debe ser inmediata e debe producir efeitos xa, non se pode condicionar a nengunha eventual negociación e/ou mediación.

 

Se, no canto de ir a unha DUI, o Govern opta por unha declaración descafeinada ou diferida no tempo sería tanto como "lexitimar a violencia do 1-O", sería tanto como "rendernos", argumenta a parlamentar da CUP.

 

 



x