Oito partidos e organizacións sardas crean o ‘Polo da Autodeterminación’

Oito partidos e organizacións sardas crean o ‘Polo da Autodeterminación’
Mural sardo
Mural sardo  

Nos comicios de 2014 as diferentes organizacións nacionalistas e independentistas acadaran 18% dos votos nesta illa mediterránea cunha forte identidade de seu.


A área soberanista sarda vén de se reagrupar en torno ao ‘Polo da Autodeterminación’, unha ferramenta que nace con vocación de suxeito político e que comprende diversas organizacións da esquerda independentista (Rossomori, Liberu, Sardigna Natzione, Indipendèntzia Repùbrica de Sardigna), asociacións como Sardos e tamén os tres movementos que en 2014 apoiaron en ‘Sardigna Possibile’ a candidatura de Michela Murgia - aposta soberanista que atinxira 10% dos votos-.

 

O ‘Polo dell'Autodeterminazione’ é un novo paso na reconfiguración do complexo e fragmentado mapa do soberanismo sardo. Nesta illa mediterránea de apenas 24. 090 quilómetros cadrados e 1,65 millóns de habitantes hai un bon feixe de partidos independentistas e nacionalistas, situados quer na dereita quer na esquerda, e non sempre ben levados. No Parlamento sardo - 60 deputados-, hai representadas 5 forzas soberanistas e independentistas.

 

Emilio Usula, deputado de Rossomori na Cámara sarda, será o portavoz nesa institución deste novo suxeito político, mentres que Anthony Muroni (xornalista, director do diario Unione Sarda) foi designado polas 8 organizacións e colectivos que impulsan o Polo como o voceiro da nova plataforma. Unha ferramenta política que está avaliando como concorrer ás próximas eleccións rexionais, en marzo.

 

Os promotores afirman que este Polo nace con vontade de permanencia e de dar o debate nacional e social. Deixaron claro na súa presentación que “non haberá colaboración cos partidos italianos nin participaremos nese falso bipolarismo italiano, porque nin dereita nin esquerda italiana contemplan a autodeterminación dos sardos”.

 

As forzas políticas que integran o ‘Polo dell'Autodeterminazione’ lograron nas eleccións de 2014 case 14% dos votos.

 

Resposta ao sardismo?

 

Este movemento do soberanismo prodúcese poucos días despois de tres forzas nacionalistas sardas – Psd’Az, La Base e Fortza Paris- asinaren un acordo para formar unha coligazón coa que concorrer ás vindeiras eleccións rexionais. A alianza sardista toma como símbolo a bandeira sarda, “quattro Mori” e afirma, por boca de C. Solinas, secretario xeral do PsdÀz, que “queremos pasar da lóxica testemuñal á da representación”.

 

PsdÀz é o Partito Sardo d’Azione, formación que vai camiño do século de vida. No artigo primeiro dos seus estatutos ratifica como o seu principal obxectivo “conducir a Nación sarda á independencia”. Tal declaración non lles impediu, nestes anos, tecer alianzas e pactos con forzas italianas, quer de esquerdas quer, nomeadamente, de dereita. Fortza Paris naceu en 2004 da unión de diferentes forzas (Partito del Popolo Sardo, Unità del Popolo Sardo...). Federalista, sitúase no centro-dereita. A terceira pata da coligazón é La Base, unha organización fundada polo alcalde de Olldei, de centro-esquerda, e que se define como “suxeito político que ten como obxectivo a autodeterminación” de Sardeña.

 

Apoio electoral

 

Nas eleccións de 2014 as diferentes forzas do sardismo sumaron 18% dos votos, un avanzo importante a respecto da anterior cita (2009), cando atinxiran entre todas apenas 10% do apoio nas urnas. A opción máis votada nos comicios de hai catro anos fora a coligazón Sardagna Possibile mais a complexa metodoloxía electoral deixouna sen representación.

 

O actual presidente sardo é Francesco Pigliaru, un economista e profesor universitario que concorreu como independente na lista do Partito Democrático. O Parlamento sardo está composto por 60 escanos: 18 corresponden ao Partito Democratico (PD), de centro-esquerda. Forza Italia ten 10. A alianza PSDÀz-La Base posúe 7 representantes na Cámara. O independentista Partito dei Sardi (PdS) ten 2 deputados. Catro ten Sinistra Ecologia Libertà, partido italiano de esquerdas.

 

A UDC (democracia-cristiana) ten 3 escanos e os conservadores-liberais de Riformatori Sardi outros 3. Tres deputados ten tamén a Unione Popolare Cristiana. O grupo mixto está formado por 6 deputados, entre os que están os independentistas de Rossomori (2), os comunistas de Rifondazione Comunista  (2), a extrema dereita de Fratelli d'Italia (1).... Indipendèntzia Repùbrica de Sardigna (independentista de de esquerdas) tiña 1, mais o Consello de Estado invalidou en 2015 a súa elección.



x