A dereita venezuelana empurra o país a un conflito prolongado

A dereita venezuelana empurra o país a un conflito prolongado
A violencia nos protestos da oposición provocou xa 90 mortes  [Foto: UBA]
A violencia nos protestos da oposición provocou xa 90 mortes [Foto: UBA]  

A convocatoria dun plebiscito ilegal, o boicot á Asemblea Nacional Constituínte, o descoñecemento da autoridade do goberno constitucional de Nicolás Maduro, o conflito entre poderes públicos, a violencia nas rúas ou mesmo un posíbel golpe de Estado fan parte da estratexia de oposición antichavista para acabar coa revolución bolivariana.


Este domingo encetou a campaña electoral para a designación dos 545 deputados e deputadas que integrarán a Asemblea Nacional Constituínte (ANC), convocada polo presidente Nicolás Maduro facendo uso das súas atribucións constitucionais e baixo a dirección do Consello Nacional Electoral. 6.520 candidatos e candidatas concorren ao proceso que culminará na votación do 30 de xullo. No entanto, o boicot promovido pola dereita opositora contra a ANC ameaza a celebración dos comicios e anticipa que os seus resultados serán descoñecidos polo antichavismo.

 

O boicot da dereita á Asemblea Nacional Constituínte persegue profundar na crise política e institucional

A crise política en Venezuela debrúzase desde hai meses sobre un duro confronto de lexitimidades. A oposición, decidida a facer caer a revolución bolivariana e o goberno constitucional de Nicolás Maduro, optou por lle virar as costas a toda a institucionalidade do país. A dereita descoñece o goberno de Maduro, mais tamén institucións como o poder xudicial, principiando polo Tribunal Supremo de  Xustiza, o defensor do pobo ou a contraloría xeral da república. 

 

Nesa estratexia, que tenciona facer implosionar o réxime constitucional venezuelano, os partidos da oposición decidiron convocar un plebiscito ilegal e desautorizado expresamente polo Consello Nacional Electoral, para o vindeiro 16 de xullo. A escolla da data, anticipándose á elección da ANC, non é nin moito menos casual. 

 

Engádese tamén o agromar de “traicións”, como as cualifica o xornalista e ex ministro José Vicente Rangel, coas que o antichavismo pretende alentar a hipótese dun golpe militar contra Nicolás Maduro. Con esa ameaza como pano de fondo, o presidente vén de ratificar no seu cargo ao xeneral Vladimir Padrino como ministro de Defensa e de ordenar unha reconfiguración da cúpula da Forza Armada Nacional Bolivariana. 

 

Chamamento ao diálogo

 

O diálogo está absolutamente roto. Unha ruptura que conta coa beizón dos poderes fácticos, os mesmos que en 2002 promoveron o fallido golpe contra Hugo Chávez. Entre eles está a Conferencia Episcopal venezuelana que, contradicindo os chamamentos do Papa Francisco a reiniciar as conversas, ten iniciado nos últimos días unha nova ofensiva contra o goberno, acusándoo de pretender instaurar un “réxime marxista e militar” no país.

 

Maduro volveu propoñerlle á oposición constituír unha nova mesa de diálogo político que procure un "acordo de paz".

Pola súa banda, o goberno venezolano insiste na súa aposta pola paz. Este mesmo sábado, Nicolás Maduro propuña aos grupos da oposición a conformación dunha nova mesa de diálogo, baixo o arbitrio da Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (CELAC). “Volvo a facer unha proposta. Fago un chamado a instalar unha mesa de diálogo de conversacións políticas e atinxir un grande acordo asinado por todas as partes: das forzas bolivarianas e as contrarevolucionarias. A un grande acordo de paz que sexa verificábel, cumplíbel e coa participación dos cinco países da Celac” anunciou o mandatario desde un acto público en Azoátegui. 

 

Nos últimos tres meses, a vaga de violencia promovida pola oposición resultou en 90 persoas falecidas, 1.500 persoas feridas e importantes danos tanto en propiedades públicas como privadas. Hai 4.658 persoas procesadas diante da Xustiza.
 

 

Excarcelación de Leopoldo López

 

O chamado de Maduro prodúcese apenas un día despois da concesión polo Tribunal Supremo de Xustiza da prisión domiciliaria a Leopoldo López, o dirixente opositor condenado a trece anos de prisión pola súa participación na vaga de violencia que en 2014 custou a vida de 43 persoas. “Oxalá esta medida [a prisión domiciliara] sexa entendida e o señor LL [en alusión a Leopoldo López], despois de case catro anos na prisión militar de Ramo Verde, lance unha mensaxe de rectificación e de paz, porque o país quere paz”, asegurou Maduro logo de expresar que o executivo venezuelano “acata” a decisión xudicial a prol de López.

 

Conflito prolongado

 

Diante do enquistamento do conflito en Venezuela, existen diferentes perspectivas e puntos de vista a respeito de como pode evolucionar a situación. Unha das hipóteses é a da posibilidade dun conflito prolongado que se expresaría, entre outros, na existencia dun “duplo goberno”. Esta opción é a apuntada polo sociólogo e xornalista Marco Teruggi. Para Teruggi a incapacidade da oposición de lograr unha correlación de forzas que lle permita tombar o goberno, quer pola vía do apoio popular ou pola do golpe militar, traducirase no alargamento da crise política que vive o país. Un conflito prolongado que na súa opinión desenvolverase sobre dous eixos: o político e o armado. No primeiro caso, os plans pasarían por, ademais de non recoñecer o goberno de Maduro e a ANC, “avanzar na creación de novos poderes públicos”. Iso suporía poñer en marcha “un goberno paralelo”. Un obxectivo ao que servirá, segundo o analista, o plebiscito convocado pola oposición para o próximo día 16. “A cuestión non é se o plebiscito será legal ou non, nin canta xente votará, do que se tratará será de anunciar/validar internacionalmente esa estratexia”. Porén, esa vía enfrontará o problema de “lograr darlles peso real aos poderes”, cuestión na que Teruggi se mostra certo de que a dereita fará uso da violencia, o que podería provocar un conflito armado a maior escala.

 

As eleccións da ANC, o 30 de xullo, serán chave para definir cara onde evoluirá a situación do país

O resultado do proceso de elección da ANC tórnase un fito chave para o desenvolvemento do conflito político en Venezuela. “Unha alta participación [nos comicios do día 30] daríalle lexitimidade e base política ao chavismo. Un escenario contrario agudizaría a confrontación”, explica o sociólogo residente en Venezuela. No entato, Teruggi alerta de que “a dereita fará todo o posíbel para non chegar a esa data, e ese día o máis probábel é que montará un esquema de asedio aos centros de votación, as estradas, os transportes, despregando a súa estrutura armada e a pantalla pública da súa nova ferramenta en construción: os Comités de Recate da Democracia”.

 

Para o analista a resolución do conflito non se antolla rápida. “O ciclo que se abriu a principios de abril non parece ter unha resolución próxima. Os EUA decidiron empurrar a Venezuela até os seus propios límites políticos, sociais, culturais, comunicacionais e armados. Queren retomar, a través da dereita no gobermo, o poder político, subordinar a economía aos seus intereses e despregar un desquite masivo sobre un movemento histórico”, prognostica.

 

Outros escenarios

 

O tamén analista e director de Datanálisis, Luís Vicente León, figura de grande ascendencia entre a dirección da oposición venezuelana, describe tres escenarios para Venezuela. No primeiro, o chavismo lograría conservar o poder, pero a crise e a convulsión social continuarían e a oposición acusaría desgaste. No segundo, produciríase o que define como “implosión con negociación tutelada”. Nese caso, un “liderado que supere os demais” dirixiría a masificación dos protestos, provocando unha situación de ingobernabilidade que acabaría por provocar a fractura no chavismo, empurrando á cúpula militar a “rescatar a estabilidade” impoñendo unha negociación da reestruturación institucional, reservando cotas de poder para o chavismo, e poñendo en marcha un goberno de transición. O terceiro, sería o dun golpe de Estado militar de vello tipo, auspiciado por algún dos “movementos conspiradores” existentes no exército, sen negociación nin transición.



x