O duplo de sancións por levar ‘esteladas’ ao fútbol que por portar bandeiras franquistas

O duplo de sancións por levar ‘esteladas’ ao fútbol que por portar bandeiras franquistas

Recoñéceo o goberno español en resposta a unha pregunta parlamentar de ERC. A requisa de ‘esteladas’ e ‘estreleiras’ en recintos deportivos ten xerado queixas de organizacións e colectivos.


O Estado multa nos estadios de fútbol o duplo de afeccionados por levar a bandeira independentista catalá que por levar a bandeira franquista. Admíteo o goberno na resposta por escrito a unha pregunta de ERC no Senado e da que informa Nació Digital. Foron dez as sancións abertas entre 2011 e 2017 a raíz de levar ‘esteladas’ mentres que a raíz das bandeiras españolas ‘pre-constitucionais’, como se describen na resposta, abríronse catro.

 

Ao igual que ten feito o goberno ou as a Dirección Xeral de Policía a preguntas de organizacións como BNG ou colectivos como Dereitos Civís sobre a requisa de ‘estreleiras’, recoñecen que a ‘estelada’ non é unha bandeira prohibida. “Por si soa non supón ningunha infracción da Lei 19/2007 contra a violencia, o racismo e a xenofobia no deporte”. Iso si, engaden, dependendo do contexto (lugar, condicións…), exhibir esa bandeira pode xerar reaccións contrarias na afección rival, polo que a ‘estelada’ pode ser retirada para evitar “mal maior”. Un argumento que tamén se ten dado a respecto da bandeira galega coa estrela vermella.

 

Tal e como sinalan en Nació Digital, na resposta do executivo español  aclárase que as propostas de sancións orixinadas por levar bandeiras independentistas non o son por estes feitos, senón por vir acompañadas doutros comportamentos si sancionábeis por lei, como negativas a seguir as indicacións dos axentes ou da seguridade privada.  



x