Unha enquisa avanza a ampla vitoria do ‘si’ en Catalunya cunha participación do 60%

Unha enquisa avanza a ampla vitoria do ‘si’ en Catalunya cunha participación do 60%
A Assemblea Nacional Catalana convocou unha pegada masiva.
A Assemblea Nacional Catalana convocou unha pegada masiva.  

A terceira ola da enquisa que Instituto Opinometre está elaborando para o diario catalán Ara sinala que a estratexia do Goberno español fai aumentar o número de partidarios do ‘si’ no referendo do próximo 1 de outubro en Catalunya, pero tamén retrae ao perfil de votante socialista de acudir as urnas.


O primeiro domingo da campaña do referendo de autodeterminación en Catalunya serviu para que as distintas forzas políticas remarcaran as súas posicións. Mentres en Gavá Pedro Sánchez criticaba a Rajoy lembrándolle que non fixera “o que tiña que ter feito” antes de ofrecer todo o apoio do PSOE ao Goberno español, a CUP celebraba un acto en Terrassa coa presencia de Sánchez Gordillo, alcalde de Marinaleda, no que Ana Gabriel sinalaba que “o noso obxectivo é desbordar as leis e os intereses dos lobbies” e a Assemblea Nacional Catalana reunía a centos de barceloneses nunha pegada masiva no centro da cidade. Tamén se celebrou (con gran éxito de público) no Teatro del Barrio, en Madrid, o acto sobre o dereito a decidir que provocara a polémica entre un xuíz e as autoridades municipais.

 

Presión policial

Mentres a Garda Civil incautaba 1,3 millóns de carteis e folletos de publicidade do referendo co logotipo da Generalitat, medios cataláns advertían da belixerancia das policías locais nestes primeiros días de campaña contra a propaganda polo ‘si’ en moitos concellos. En Barcelona, por exemplo, a Guàrdia Urbana abriu dilixencias contra a empresa de autobuses urbanos porque os vehículos levan publicidade do referendo.

 

Nos medios continuou o debate cun manifesto asinado por un cento de “intelectuais de esquerdas” contra o referendo que publicou El País (apoiado entre outras por Isabel Coixet, Victoria Camps, Mónica Randall, Félix Ovejero e Carlos Jiménez Villarejo), e en Ara ofrecían unha enquisa que vaticina un triunfo amplo do ‘si’, con case un 70% do voto na xornada do primeiro de outubro, e unha participación que acadaría o 60%.

 

A enquisa

A sondaxe, a terceira ola do informe que elabora Instituto Opinometre, sinala que as porcentaxes de cataláns que mostran intención de ir a votar (un 51% que irán seguro e un 9,2% que posiblemente participarán) están inda por riba do 60% despois do traballo de campo feito trala Diada do pasado luns. As dúas olas anteriores situaban esa cifra no entorno do 64%.

 

“A obsesión do Goberno español por impedir o referendo do 1-O converteuse nunha arma de dobre fío”, escribe Ara, “por un lado, baixa o número de persoas que aseguran que participarán e, por outro, crece o independentismo”.

 

A distancia entre o ‘si’ e o ‘non’ aumenta. Hai un 44,1% de cidadáns que manifestan que responderían afirmativamente á pregunta do referendo e un 38,1% de contrarios. A distancia subiu até os seis puntos porcentuais desde os catro puntos que a enquisa rexistrou en xullo. 

 

En canto o resultado do referendo, Ara indica que “a campaña do Estado está tendo poucos efectos entre os partidarios do ‘si”. De tal xeito que se produciría unha ampla vitoria do ‘si’ cun mínimo dun 69,9%, diante dun 14,3% de votos negativos e un 2,5% de votos en branco. Os indecisos (participarán mais inda non decidiron o voto) son segundo a enquisa un 13,3%.

 

O traballo de Instituto Opinometre tamén detecta un “impacto” da campaña de represión e dos partidos contrarios ao referendo entre os votantes do PSC, e sinala que se produce “unha forte baixada no número de votantes socialistas e tamén algúns comúns que en xuño e xullo pensaban ir votar e están desistindo”. Di que esta tendencia é máis acusada na franxa de idade de 55 a 74 anos que viven en cidades de máis de 50.000 habitantes, “un perfil que corresponde aos votantes socialistas clásicos”. 


 



x