THE NATIONAL PUBLICA AGORA OS INQUÉRITOS DE ELNACIONAL.CAT

ERC e JxCat aumentan apoios, mentres Cs cae lixeiramente

ERC e JxCat aumentan apoios, mentres Cs cae lixeiramente
Auditorio ateigado no mitin central do PDeCAT en Barcelona
Auditorio ateigado no mitin central do PDeCAT en Barcelona  

A lei española prohíbe a publicación de inquéritos nas vésperas do día das votacións. Mais a lei española non vigora nen en Andorra -onde El Periódico publica as sondaxes do tramo final de campaña desde 2008- nen en Escocia. The National -o rotativo independentista escocés- publica agora os inquéritos que veu difundindo até o momento en Catalunya ElNacional.Cat. O último tracking aponta leves alteracións nas distintas forzas, mais as tendencias de fundo non varían. Cs continúa en cabeza e a maioría absoluta indepe é posíbel. 


O último tracking de Feedback -que, ao entrar en vigor a prohibición de inquéritos no Estado na última semana de campaña, ve a luz en Escocia- sinala unha lixeira queda dos apoios de Cs e un aumento das opcións das dúas forzas soberanistas -ERC e Junts per Catalunya- que continúan á caza da formación liderada por Inés Arrimadas.

 

Destarte, e a respeito da última mostra do inquérito, Cs cede apenas unhas décimas de voto (pasa de 24,06 por cento a 23,96) mas esa levísima queda podería levar aparellada a perda dun escano. O prognóstico agora sería 31-33 (face o 32-33 da anterior sondaxe). En troca, ERC progresa -falamos tamén en termos de apenas décimas- e escalaría até 20,11 por cento desde o 20,73 previo. En escanos, podería gañar un asento no Parlament (de 30-31 a 30-32). É algo máis sustancioso -meio ponto- o chouto que dá JxCat, a formación liderada por Carles Puigdemont, que se empoleiraría até 19,48 por cento (18,99 anterior), coa perspectiva de aumentar un escano (entre 27 e 29 no tracking anterior, entre 28 e 29 agora).

 

A diferenza en percentaxe de voto entre ERC e JxCat é cada vez menor e apenas alcanza 1,25 por cento.

 

A cuarta praza continúa a ser para o PSC de Miquel Iceta, embora a marca socialista tamén acusa un lixeiro retroceso. Neste momento obtería 14,11 por cento e entre 18 e 20 escanos (face os entre 19 e 20 da mostra demoscópica precedente).

 

Caen tamén as dúas formacións que pelexan pola quinta praza: a CUP -8,05 por cento, entre 9 e 10 escanos face os 10 que lle outorgaba o último inquerito- e Catalunya en Comú Podem -6,82 por cento, o pior resultado da serie, entre 8 e 9 actas (11 no actual Parlament).

 

Non hai discusión sobre quen fechará a clasificación o 21D: o PP de García Albiol, ancorado en 5,65 por cento, o que equivale a entre 5 e 7 escanos.

 

Case cinco pontos a favor do bloco independentista face o conglomerado do 155

 

Aquí os números son diáfanos. As formacións partidarias dun Estado catalán independente sumarían 48,64 por cento, case un ponto máis que o sumado en 2015 (47,74 por cento). Os valedores do 155 (Cs, PSC e PP) ficarían en 43,72 por cento, case cinco pontos menos.

 

A distribución dos votos nos distintos distritos eleitorais podería producir o paradoxo de o independentismo superar en percentaxe de voto os resultados de 2015 e, en troca, non alcanzar a maioría absoluta obtida con comodidade naquela altura (72 escanos, a suma de JxSí -62- e a CUP -10). A explicación desa aparente contradición -e sempre a falta dunha análise demoscópica demorada- remite para dous fenómenos: en 2015 ERC e PDeCAT ían xuntos -o que en xeral ten premio de acordo co funcionamento da Lei d'Hont- e, por outra banda, o aumento da participación -previsto en todos os inquéritos- daríase sobre todo en Barcelona, o que en teoría favorecería as opcións unionistas.

 



x