O Estado activa todos os seus poderes contra a vontade da maioría social catalá de votar o 1-O

O Estado activa todos os seus poderes contra a vontade da maioría social catalá de votar o 1-O
Un momento da comparecencia de Rajoy
Un momento da comparecencia de Rajoy  

Rajoy ofereceu esta quinta feira o seu discurso máis duro. Non anunciou nada inagardado -por exemplo, a activación do artigo 155 que suspendería a autonomía catalá-, mais si expresou con contundencia que o referendo non se vai realizar. A tensión aumenta por momentos e a crise do réxime de 1978 está servida, sen camiños de volta. Rajoy anunciou os consabidos recursos perante o TC contra a Lei do Referendo e a convocatoria da consulta de autodeterminación. O Estado vai activar todos os seus poderes para impedir o referendo.


O duelo é inevitábel e dificilmente haberá superviventes. Rajoy levou a cuestión ao límite. Xa non hai pontos intermedios. Ou hai referendo ou non o hai. Nas últimas horas, o Estado deu probas de ter vontade de utilizar todos as ferramentas represivas ao seu servizo para impedir a materialización dunha consulta que, con independencia do que clame o Estado español, xa ten cobertura legal, a que lle outorgou esta cuarta feira a maioría absoluta do Parlament.

 

Non é un detalle menor que o MInisterio de Interior dese ordes precisas a efectivos da Garda Civil para se incautar do material preciso (por exemplo, os papeis impresos do censo) para a realización da consulta, como mostra o rexisto realizado esta quinta feira perto dunha imprensa que podería ter recibido o encargo da Generalitat de imprimir documentos precisos para o referendo.

 

En todo caso, Rajoy non dixo nada esencialmente novo. A novidade estivo no ton e na determinación coa que afirmou taxativo que o referendo non se vai realizar. A impugnación perante o Tribunal Constitucional da Lei de Referendo e do decreto de convocatoria -este último asinado por todos e cada un dos membros do Govern- estaba no guión desde o minuto un desta función. "Non haberá referendo de autodeterminación de Catalunya", proclamou Rajoy, quen se dirixiu expresamente ás e aos funcionarios cataláns para lles expresar que o Goberno español os protexará ante eventuais presións que podan receber do Govern en relación coa realización do referendo.

 

DÚAS FRASES INQUIETANTES

 

O referendum é "ilegal", dixo Rajoy, antes de pronunciar dúas frases verdadeiramente inquietantes. A primeira, que a consulta "liquidará a convivencia pacífica" habida durante os 40 anos do réxime político. A segunda, que o 1-O "acabaría co réxime de autogoberno de Catalunya".

 

En todo caso, todos os poderes do Estado (as forzas policiais, o poder xudicial, a fiscalía) están a disposición do Executivo cun obxectivo claro: evitar que o 1-O se materialice a consulta autodeterminista convocada por un Govern que dispón de maioría absoluta no Parlament e que recibiu un claro mandato nas urnas nas últimas eleccións catalás: o de avanzar cara á criación dun Estado catalán con forma de República.

 



x