Os Estados Unidos, o Reino Unido e Francia atacan Siria

Os Estados Unidos, o Reino Unido e Francia atacan Siria
[Imaxe: RT]
[Imaxe: RT]  Foto: Russia Today

Nunha operación sen o aval das Nacións Unidas, os EUA, o Reino Unido e Francia atacan Siria e deixan, cando menos, tres persoas feridas. A ofensiva tripartita escúdase no suposto ataque químico que non foi demostrado.


Os EUA, o Reino Unido e Francia atacaron na madrugada do sábado Siria, concretamente, u oeste de Homs, unha operación na que deixaron tres civís feridos. O presidente estadounidense, Donald Trump, informou de que o obxecto da ofensiva eran “as capacidades químicas” do Exército sirio, co pretexto dun suposto ataque químico que tería lugar o pasado sábado, 7 de abril, perto de Damasco e que estaba pendente de investigación por parte da Organización internacional pola Prohibicion de Armas Químicas, prevista para este 14 de abril.

 

A operación, sen o aval das Nacións Unidas, só causou danos materiais a un centro de investigación científica no distrito de Barzeh, en Damasco, e destruíron un edificio que albergaba o equipamento de aprendizaxe e os laboratorios, segundo informa a axencia Siria SANA. De acordo coa axencia, algúns dos mísiles dirixidos foron interceptados e desviados e deixaron feridas tres persoas.

 

Tanto o presidente de Francia, Emmanuel Macron, como a primeira ministra británica, Theresa May, confirmaron a súa participación no ataque. O Reino Unido participou na operación sen o control parlamentar, ao evitar May verse abocada a unha derrota como a que sufrira David Cameron, o seu antecesor, en agosto de 2013, cando o Parlamento tombara a petición para unha intervención militar en Siria. Un rexeitamento que abrira unha crise institucional de dimensións no Reino Unido.

 

As intencións de Trump

 

Trump, que durante a campaña presidencial apostara nun acordo con Moscova para a pacificación en Siria, xa advertira a pasada terza feira dun posíbel ataque a Siria. Un pronunciamento que contou coa oposición de Rusia, que xa anunciara que respondería. Esta é a segunda ofensiva dos EUA contra Siria, após a perpetrada en abril de 2017, que se limitara ao lanzamento de 59 mísiles tomahawk contra a base aérea de Al Shayrat.

 

O secretario de Defensa dos EUA, Jim Mattis, afirmou que os ataques foron "máis duros" que os de 2017, mais que foron "un só disparo" co obxectivo de enviar "unha mensaxe forte ao presidente do país", Bashar Al Assad. O xefe do Pentágono acusou o Goberno de Al Assad de realizar un ataque químico contra Siria, mais, al ser consultado polos medios de comunicación, nin sequera precisou o tipo de axentes utilizados.

 

Mattis sinalou que o ataque contra Siria tiña como obxectivo "defender os intereses dos EUA" e asegurou que haberá máis ofensivas "se Assad decidise usar máis armas químicas". De momento, dixo, non teñen outros ataques planificados.

 

Rusia convoca sesión extraordinaria na ONU

 

O presidente ruso, Vladimir Putin, anunciou que Rusia convocou unha sesión extraordinaria do Consello de Seguridade das Nacións Unidas "para discutir as accións agresivas dos EUA e os seus aliados". Putin acusou os tres país de actuar "cinicamente" e de facer "caso omiso" ao traballo da Organización para a Prohibición de Armas Químicas, sen esperaren o resultado da investigación cuxo inicio estaba previsto para este 14 de abril.

 

Coas súas accións, engadiu o presidente ruso, "os EUA agravan aínda máis a catástrofe humana en Siria, afecta a poboación civil, e de feito consiente os terroristas que estiveron atormentando o pobo sirio durante sete anos".

 

A respeito do suposto ataque con armas químicas, o embaixador ruso nas Nacións Unidas, Vasili Nebenzia, salientou ante o Consello de Seguridade do organismo que nos hospitais de Duma non hai paciente ningún con síntomas de intoxicación nin hai probas que evidencien o uso de sarín ou cloro. Ademais, o 13 de abril, o ministro de Exteriores de Rusia, Serguéi Lavrov, deu conta de que Moscova ten "dados irrefutábeis" de que o presunto ataque químico "é unha nova posta en escena e nela participaron os servizos secretos dun dos Estados que se desvive por estar na vangarda da campaña rusófoba".

 

Sirios saen á rúa

 

Tras o ataque, centos de cidadáns saíron ás rúas de Damasco este sábado para celebrar que a defensa antiárea siria fose quen de lograr repeler a acción bélica. "Resistimos o ataque", afirmou un representante do Exército sirio citado pola axencia Reuters, "os rusos advertíronnos con antelación e evacuamos todas as bases militares hai uns días".



x