SILVIO FALCÓN

"Estamos nun empate eterno e o independentismo precisa máis forza"

"Estamos nun empate eterno e o independentismo precisa máis forza"
Silvio Falcón
Silvio Falcón  

Profesor de Ciencia Política da Universidade de Barcelona, Silvio Falcón, nado en Catalunya no seo dunha familia galega, olla o procés con óculos de científico social, mais tamén de persoa comprometida cun país en marcha cara á súa emancipación. Ten teorizado que na batalla de Catalunya o independentismo sofreu unha certa derrota -o soño de constituír un Estado independente fica aínda lonxe-, mais non por iso se deixa levar polo derrotismo. "O independentismo non tocou teito", afirma, certo de que Catalunya alcanzará a liberdade se o proxecto republicano é quen de gañar novas complicidades.


No discurso de Silvio Falcón conviven dúas pulsións. A primeira, a de que os soños son posíbeis e nunca se pode deixar de ollar para o horizonte. A segunda, a de que é preciso asumir a realidade e que esta ten límites. "O que non podemos deixar de ver é que Puigdemont está no exilio e Junqueras na cadea", afirma nesta entrevista, feita através de Skype. O independentismo debe madurar e entender que a emancipación non virá pola vía da maxia: hai un inimigo en fronte moi poderoso. Un inimigo que a día de hoxe vai gañando.

 

-Para un profesor de Ciencia Política debe ser fascinante o procés, non?

 

-A verdade é que é moi interesante ter que simplificar as claves analíticas, digo, por exemplo, durante estes últimos tempos en que atendín bastantes meios de comunicación ou tiven que falar con xente do estranxeiro. Intelectualmente é un reto apaixonante, xa non só porque é un tema complexo -o pulo pola autodeterminación ou a propia independencia-, senón porque decodificar o fenómeno e poñelo ao alcance do público internacional é un plus que moitas veces se me pide como profesor cando se me interpela sobre "que está pasando en Catalunya". Ese plus moitas veces obriga a retirarnos un pouco do día a día, e intentar dar algunha clave un pouco máis alá, aínda que ás veces é difícil.

 

-E para explicar o procés, que exemplos pos? Que referentes utilizas para explicalo?

 

-Home, normalmente evito poñer comparacións con outros casos, aínda que sempre é normal e inevitábel estabelecer paralelismos con outros procesos políticos. Evidentemente está aí o caso escocés, o máis paralelo no tempo. Pero os exemplos van en función moitas veces de que tipo de xente te interpela. Desde Finestra de Oportunitat [revista de análise política que conta con Falcón na súa nómina de autores] fixemos moitas colaboracións coa xente de TeleSur en Venezuela e é certo que en América Latina, e particularmente nos meios de esquerda, téndese a ver a cuestión catalá exclusivamente como unha dinámica contra Rajoy, pero non se sabe moi ben en que consiste. O que tentamos é explicar que é un movimento de base, cívico, desde hai moitos anos, que está tentando ampliar os seus apoios sociais, que organizou o 9-N ou o 1-O, e que non se trata dunha cuestión de elites ou unha cuestión meramente económica... Todo iso rompe a pre-imaxe concebida que teñen por exemplo na América Latina. Entón, intentar identificar cal é o prexuízo ou cal é a falta de información nun ámbito comunicativo determinado tamén condiciona a mensaxe que poidas dar. Hai que rachar moitos preconceitos e manipulacións que o Estado español tenta difundir. Por exemplo, toda esa estratexia de comparar o caso catalán coa Padania ou os movimentos independentistas coa Liga Norte ou con xente de ultradireita ou con correntes políticas que non son transformadoras.

 

-A batalla exterior, a batalla da simpatía do exterior, si que parece que a ten gañada o independentismo...

 

-Si, por momentos pareceu que sobre todo os meios anglosaxóns... o 1 de outubro foi unha imaxe moi potente e este tipo de meios compraron o relato do independentismo. É certo que a violencia non axudou o Estado español en termos de relato internacional. O que pasa é que ao fin e ao cabo España é un estado e a meio prazo tende a impor o seu relato. Canto máis tempo nos separamos da violencia do 1 de outubro máis marxe ten España para recuperar un certo prestixio internacional. En todo caso, a día de hoxe esa recuperación aínda está lonxe. Estaríamos ao tempo ante un éxito do independentismo e un fracaso do Estado español porque mesmo na UE ou en países da Unión a imaxe de España non é neste momento a mellor, ou non é a que se tiña hai uns anos, ese mito tan difundido de país onde se fixo unha transición exemplar, de sol e praia e xentes amábeis, unha imaxe difundida nos países da UE e que agora é difícil de soster á luz do tratamento da xustiza aos independentistas ou mesmo da violencia do 1 de outubro. 

 

Screen Shot 2018-02-07 at 11.39.28

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

-En termos académicos, se unha alumna ou un alumno te interpela e che pergunta sobre os acontecimentos de Catalunya, como os definirías? Como unha revolución democrática, unha insurrección cívica, como que?

 

-É difícil dicer como. Esta non é unha cuestión menor, sobre todo cando se está falando da espiral de silencio, etc, etc. A min se o alumno me pergunta en clase esta cuestión, tenderei a evadir esa pergunta, tenderei a...

 

-Tenderás a evitala como un político ao que lle fan unha pergunta incómoda?

 

-Probabelmente. E trasladar iso ás aulas é un pouco dramático, mais é certo que toda esta faladuría de que se adoutrina o alumnado, esa ameaza latente á docencia, neste caso ao ensino universitario, pois a verdade é que non te deixa tranquilo. Así que normalmente cando un alumno me fai unha pergunta destas características o que acostumo contestar é que teño unha conta en twitter, que teño un blogue, e que escrebo artigos en imprensa. E xa está. E non contesto.

 

-Mais iso condiciona o teu labor científico, non?

 

-Si, ou cando menos divulgativo. Porque nas clases [imparte Sistema Político Español] tendo a limitarme ao que hai no plano docente e xa está. Se me toca explicar como é a coroa española -e isto pasoume en realidade- o mesmo día que se proclama a República catalá [o pasado 27 de Outubro], pois evitarei facer algunha mención á realidade, ou farei algunha mínima, mesmo humorística, pero intento non ligalo, porque é complicado non ferir sensibilidades ou que xente de distintas sensibilidades políticas poda pensar que estás intentando vender un certo discurso. Mais fóra das aulas cando me perguntan sobre que está a pasar en Catalunya eu sempre poño o acento na mobilización cidadá. Este é un movimento social de amplo espectro, moi duradeiro no tempo e que, por tanto, ten a potencialidade de se converter nunha revolución democrática. O procés ao final foi unha máquina destrutora de partidos, destrutora de estruturas, daquilo que era vello, con vistas a construír unha cousa nova que probabelmente aínda non naceu ou que probabelmente teña de nacer a curto ou meio prazo. Mais en calquera caso, o motor de todo iso, desa máquina, é un movimento cidadá que, alén do máis, foi moi dinámico, que tomou as rúas en moitísimas ocasións e que se fai presente na vida política e na vida digamos normal. Este movimento cidadá é como esa grande enerxía potencial que, para se converter en enerxía cinética, en movimento, pois ten que facer cousas, dar pasos adiante. Esta lóxica de pantallas [de ir queimando etapas] probabelmente non lle ten beneficiado o independentismo. Mais a súa grande forza ao final é pór o acento neste grande movimento social. Definir o independentismo como unha especie de 15M sobre a soberanía nacional catalá é bastante máis achegado á realidade do que a tese dalgúns meios de comunicación que queren retratar o soberanismo como a plasmación dun certo elitismo dirixido pola burguesía ou pequena burguesía catalá. Ese retrato non se axusta á realidade, aínda que claro que hai xente con diñeiro ou con empresas que poidan dar apoio á independencia.

 

Definir o independentismo como unha especie de 15M sobre a soberanía nacional catalá é bastante máis achegado á realidade do que a tese dalgúns meios de comunicación que queren retratar o soberanismo como a plasmación dun certo elitismo dirixido pola burguesía

 

-No eixo esquerda-direita, así como en España está a haber un escorregamento do eleitorado cara á direita (coa suba de Cs), en Catalunya, en troca, no bloco soberanista o deslizamento é cara á esquerda, até o ponto de ter soltado o lastre de Unió e de que mesmo o PdeCAT está a asumir un discurso con certo aroma socialdemócrata.

 

-En xustiza debemos dicer que a cuestión social, embora ser importante no discurso independentista, ficou bastante en segundo plano no que serían os grandes titulares. Mais quen devolveu esa cuestión á actualidade foi o propio Tribunal Constitucional cada vez que vetou leis sociais do Parlament, como a norma relacionada coa pobreza enerxética ou a renda garantida de cidadanía. No eixo esquerda-direita, o dado interesante é que se sumamos a CUP e a ERC, hai máis deputados independentistas de esquerda do que de centro-direita ou de centro, o espazo no que estaría JxCat a día de hoxe. Ese é un dado relevante porque historicamente non foi así. Hai 10 anos era imposíbel imaxinar unha esquerda independentista cunha representación no ámbito do catalanismo superior á da antiga Convergència. Esa recomposición de todo o espectro esquerda-direita responde a unha partición do sistema político. JxCat deixou de competir un pouco por esa ala direita do catalanismo e nese ámbito comeza a ser substituída por forzas do establishment como Ciudadanos ou o PSC. O partido de Iceta obtivo un dos seus mellores resultados nun bairro de Barcelona tan das clases altas como Pedralbes. En todo caso, é evidente que non só o eixo esquerda-direita explica a motivación do voto porque a outra dialéctica, o eixo nacional, acabou derivando nunha lóxica de establishment ou non establishment... A verdade é que a represión mudouno todo. Eu coñezo xente que optou por votar o PSOE porque "mira, a min isto da independencia paréceme lexítimo, pero eu quero que isto se acabe, que se calme...". Este tipo de reaccións existen e xa non se rexen por un eixo esquerda-direita. Esta ala direita do vello catalanismo ficou moi dividida [após a saída de Unió do campo independentista] e probabelmente un dos retos do independentismo, a curto ou medio prazo, debe ser recuperala. Fuxir da competencia centrípeta entre ERC e JxCat para tentar ocupar espazos máis repartidos ou coas fronteiras máis definidas, de modo que JxCat ou PdeCat podan ter un caladoiro de votos entre o centro e o centro-direita e Esquerra e a CUP, pois outro no espazo que vai do centro-esquerda á esquerda transformadora. Esta sería a forma de ocupar o máximo posíbel do eleitorado catalán.

 

-Supoño que como profesor de ciencia política estarás un pouco farto de que che plantexen a cuestión de que o direito de autodeterminación só é aplicábel a países en situación colonial...

 

-Si, é o mainstream da resposta que o Estado sempre deu a esta cuestión. Acontece que o que pasou en Catalunya estes meses ultrapasou todas as teorías previas. Sempre, mesmo o nacionalismo galego, se plantexou o direito de autodeterminación a partir dunha base de apoio cidadá para un país decidir, para un país se autodefinir como realidade determinada. Mais iso na teoría funcionaba dun xeito máis ou menos fácil. Hai xente que probabelmente na Galiza vota PP e que pode aceptar esta idea de que os galegos decidan que queren ser. Acontece que en Catalunya o que se intentou foi levar a teoría á práctica. E o que se demostrou ao final é que este direito [de autodeterminación] é natural... o debate xurídico é bastante superfluo porque ao cabo o que se impón é a realpolitik, e por iso o caso catalán é tan importante. Quero dicer que se hai unha base cidadá suficiente e os mecanismos para te poder converter nun estado (chámalle policía ou chamémoslle estruturas de estado), ao final acabas converténdote en estado, á marxe de que un determinado estado che recoñeza ese direito ou non. O caso catalán mostrou de maneira factual que para ter un referendo de autodeterminación en España non é suficiente con que nun territorio haxa un 70 ou 80 por cento de apoio popular [percentaxe que defende en Catalunya o direito a decidir]. O Estado está disposto a utilizar todas as vías represivas para frear un proceso destas características. Polo tanto, o caso catalán é a proba do algodón da calidade democracia no Estado español, até onde se pode chegar no marco destas leis.

 

O caso catalán é a proba do algodón da calidade da democracia no Estado español, até onde se pode chegar no marco destas leis

 

Esas liñas vermellas que estabeleceu o Estado español, en particular o Goberno Rajoy... xa non é que non se permita o direito de autodeterminación en Catalunya, senón que ademais reprímese a populación, perséguese xudicialmente, etc, etc. E xa o vemos nos últimos autos do xuíz Llarena: non só se valora a comision ou non dun delito -o de rebelión xa sabemos que non existe nos ordenamentos xurídicos de democracias avanzadas-, mais tamén se submete a xuízo se se ten unha ideoloxía determinada. En Catalunya o Estado tamén deu un aviso a navegantes: se non te axustas ao guión estabelecido polo réxime de 1978, pois vén o 155, vén a represión, etc. En definitiva, a resposta do Estado español fronte a un proceso de autodeterminación -que a día de hoxe podemos cualificar de falido ou non culminado- foi tan agresiva que a cuestión catalá se converteu nunha cuestión sobre a democracia, unha cuestión dunha envergadura tal que non ten precedentes nos últimos anos na Europa occidental.

 

-Agora que falas de Europa -ti tiveche experiencia como asesor de ERC en Bruxelas-, agardabas unha reacción distinta da Unión Europea?

 

-Eu non, eu non. Había certo tótems no independentismo que ao cabo se demostraron falsos. A idea de "se os policías collen unha urna, xa gañamos". Iso dicíao a xente da ANC, é vox populi. "Se baten a xente, xa gañamos". "Se suspenden a autonomía, a UE intervirá". Eran cousas que no 2012 ou no 2013 podías escoitar en multitude de conversas de máis nível ou menos. Eran cousas interiorizadas. A UE ao final é un clube de Estados. E por tanto se non es un estado, mentres non o sexas, ninguén te vai respeitar. Ninguén te vai pór ao nível doutro Estado. Catalunya non é un estado a día de hoxe, co cal só cabía agardar o que aconteceu. Alén do máis, nos últimos anos a UE practicou unha realpolitk crúa, sendo un mecanismo de toma de decisións de elites, que é no que se converteu. Non hai ningún criterio democrático. O Parlamento europeu xoga un rol totalmente secundario. É nas cimeiras entre Merkel e compañía onde se toman as grandes decisións. Se hai que facer un acordo pola cuestión dos refuxiados con Turquía faise e ademais faise fóra do marco das institucións, está feito entre os países a título individual.

 

A UE ao final é un clube de Estados. E por tanto se non es un estado, mentres non o sexas, ninguén te vai respeitar. Ninguén te vai pór ao nível doutro Estado.

 

En definitiva, a UE é unha macroestrutura gobernada polas elites e esas elites están á expectativa para ver que pasa. Polo tanto, están moi informados sobre o que pasa en Catalunya -ou sexa, hai que producir información para esa xente-, porén en ningún caso os estados van saír na defensa de ningún tipo de movimento cidadá en ningún lado. Excepto que haxa un interese económico. Iso viuse en Ucraína. Alí todo o que pasou si que foi fomentado pola UE. Mais no caso catalán Barcelona como capital europea xera un interese moi importante, ese é un capital do independentismo. Acaba de haber un investimento de moito diñeiro dunha compañía chinesa no porto de Barcelona con axudas comunitarias. Iso revela que Bruxelas non quer que Catalunya estea fóra da UE, interésalle que estea dentro, mais á vez a Unión non quer que se mova o statu quo. É unha macroestrutura defensora do statu quo. Mentres non se mova nada, todo vai ben. 

 

-Nun artigo que che lin en CatalunyaPlural.Cat dis: "O independentismo ten unha asignatura pendente, superar a proposta máxica e asumir en parte a súa derrota". Que derrota?

 

-Na situación actual, o independentismo é maioritario en Catalunya, gañou eleccións de maneira continuada. É un movimento social moi importante. Pero polo outro lado esta situación de vitoria pola mínima, ou vitoria insuficiente, lévanos a un empate eterno, un empate que non é aritmético, un empate que é de posicións, que fai que o independentismo precise de máis forza. Por que? Porque diante do independentismo se atopa o Estado. Un Estado con enorme capacidade para reprimir -Interior gastou 83 millóns de euros nos destacamentos policiais enviados a Catalunya-. Portanto, para te enfrentares a esa maquinaria represiva necesitas máis xente. Se queres converterte en estado, que é algo moi serio, probabelmente necesitas un chisco máis de apoio. Xa non me refiro só a percentaxes. Cando falo de superar a proposta máxica é que ás veces ten un ponto irresponsábel dicerlle á xente que por gañar unhas eleccións autonómicas vas facer a declaración de independencia e vas ser independente ao día seguinte. Os custos da independencia, de aguantar a represión, ás veces hai que explicarllos ben á populación. Até agora non se explicou moito. Non se falara de posíbeis detencións, de dirixentes na cadea ou no exilio. Agora é unha realidade. Cando falo de superar unha proposta máxica é porque xa non podemos dicer "se votamos todos a Puigdemont vai vir de Bruxelas e vai ser presidente". Iso xa sabemos que non acontece porque se volta de Bruxelas a ese señor vano deter e vano meter no cárcere porque o Estado español ten todos os recursos para o facer. Dedica recursos non só no ámbito da xustiza, senón tamén da policía, para telo perfeitamente controlado, para telo ubicado, mesmo os seus meios de comunicación publica saben  onde vive, etc, etc. Asumir que estamos en inferioridade de condicións é aceitar esa certa derrota, esa necesidade de ter un pouco máis de apoio e perspectiva real sobre o que está a acontecer. Por tanto, a próxima etapa que se abre xa non ten que ir sobre se montamos un referendo con base cidadá ao estilo do 9-N ou do 1-O porque sabemos que iso non vai ser suficiente para te converteres nun estado. Había ese relato de que podías construír unhas certas estruturas de estado no marco dunhas institucións autonómicas. Pois ese relato non é de todo certo. Pódense facer máis cousas no ámbito autonómico, sen dúbida, pero xa vimos que cando o Estado tomou o control da Generalitat através do 155, pois entraron até a cociña. Agora mesmo para pedir unha caixa de augas nunha unidade calquera da Administración catalá un xefe ten que asinar un papeliño e envialo a Madrid. A intervención da Generalitat foi absoluta. O independentismo ten que asumir esa realidade.

 

Ás veces ten un ponto irresponsábel dicerlle á xente que por gañar unhas eleccións autonómicas vas facer a declaración de independencia e vas ser independente ao día seguinte.

 

-Mais para pasar da contorna do 47 ou o 50 por cento do voto ao digamos 60 e pico, 70 por cento, que cousas básicas ten que facer o independentismo? E ligado a isto, na ecuación haberá que meter tamén o factor tempo, non?, porque un salto deste tipo non se fai seguramente en catro anos...

 

-Nos últimos 10 anos, o independentismo medrou de 20 e pouco por cento de apoio até case un 50. Mais de 25 pontos de aumento. É certo que a seguinte etapa desta viaxe de ampliación da fronteira do independentismo probabelmente sexa máis difícil. Mais é difícil concretar que especificamente ten que facer o independentismo para logralo, pero é fácil identificar a quen ten de conquistar. Todas as enquisas feitas a partir do 1 de outubro din que moi maioritariamente a xente en Catalunya condenou a violencia perpetrada polo estado. A xente despois estivo moi maioritariamente en contra da aplicación do 155. O obxectivo do independentismo debe ser que sexan independentistas todos aqueles que estean en contra do 155 e que estean en contra da violencia do 1 de outubro. Por volta de 70 por cento está en contra da violencia de 1 de outubro e por volta de 65 está contra a aplicación do 155, entre eles votantes do PSC e até do PP. Por tanto, cando se di nalgunhas tertulias ou en columnas de imprensa que o independentismo tocou teito e que non pode ir máis alá, pois está claro que iso non é certo. O independentismo demostrou que non hai nada máis que facer territorialmente neste estado das autonomías, non hai máis "café para todos", acabouse o café, e agora o que hai é represión física, con señoras e señores que receberon a violencia da policía, e coerción xudicial para toda a cúpula das organizacións independentistas. Esta xente que se opón á represión é potencialmente favorábel ao proxecto republicano, xa non só en termos de secesión, senón en termos de proxecto de futuro. Que proxecto de futuro pode oferecer España? Pois certamente hoxe en Catalunya é difícil albiscar unha proposta de España que poda ser atractiva para unha percentaxe ampla da populación. Non esquezamos que a segunda minoría, despois da independentista en Catalunya, é a xente que quería un proxecto máis federalizante, segundo din as enquisas. E esa opción do lado español é algo inexistente. O target do independentismo está claro. Para conquerir ese eleitorado probabelmente o que caiba facer sexa nos próximos anos defender este proxecto republicano e no corto prazo a tarefa é a recuperación das institucións [ocupadas polo Estado co 155], a liberación dos presos e traballar para unha futura República. Estes tres elementos son os que deben vehicular o discurso do independentismo nesta nova etapa. 

 

IMG_20180209_163404-01

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Son consciente de que é moi difícil asumir esta derrota, é unha derrota inxusta, por iso é tan difícil asumila. A vitoria do Estado español fíxose con moitos custos para eles. Caia quen caia...

 

Agora mesmo para pedir unha caixa de augas nunha unidade calquera da Administración catalá un xefe ten que asinar un papeliño e envialo a Madrid. A intervención da Generalitat foi absoluta

 

-Quizá o que non era posíbel era a vitoria do independentismo -por vitoria falo da conquista do estado propio- pola vía rápida, quizá o asunto está en que a vitoria chegará no meio prazo, que non se daban as condicións para a conseguir aquí e agora.

 

-Claro, daí a idea de que hai que superar a idea máxica, a idea de que votamos unha vez e xa somos independentes. Iso quítalle importancia ao que pasou o 1 de Outubro? Para nada, eu penso que aínda lle dá moita máis. O 1-O é o momento en que podemos dicer que como país Catalunya mereceu a súa propia existencia. Ese grande momento político en que a xente saca as urnas e consegue votar, etc, etc. Mais o que non podemos deixar de ver é que Puigdemont está no exilio e Junqueras está na cadea. E se o independentismo non asume esa realidade, a de que o Estado ten certa vantaxe e vai gañando a partida polo propio uso do seu poder fáctico, pois lle vai ser difícil optar por esa vitoria a meio prazo.

 

-Concluímos coa inevitábel cuestión da investidura si ou non de Puigdemont. Que calculas que poderá acabar pasando?

 

-É moi difícil de predicer. Estanse a procurar fórmulas imaxinativas. Falouse esta semana de ter unha presidencia efectiva e unha presidencia lexítima, a do president Puigdemont. Parece que vai haber un acordo. Esa é unha boa noticia. Manter a unidade de acción no ámbito do independentismo, aínda que sexa con discrepancias e con momentos de máis ou menos sintonía. E despois o que hai que ver é até que ponto a figura de Puigdemont se converte nun activo e se operativiza como tal ou se pode converter potencialmente nun problema, xa non só para a xente de ERC e a CUP, senón para os seus propios correlixionarios de JxCat ou o PDeCAT. Hai que protexer a figura de Puigdemont no exilio, e o independentismo débelle dar unha importancia a esta realidade, pero ao mesmo tempo ese referente non pode ser un obstáculo para a recuperación das institucións de autogoberno, da autonomía catalá.

 

O que pasou en Catalunya foi que pasamos dunha situación de post-autonomía ou de pre-independencia a unha situación de pre-autonomía [coa ocupación das institucións catalás a partir da activación do artigo 155]. Subverter iso é para min máis importante que calquera investidura ou calquera nome que se sente no Palau da Generalitat. En definitiva, o movimento estratéxico do independentismo debe dirixirse a respeitar a figura de Puigdemont, intentar prestixialo ao máximo, e ao mesmo tempo garantir a recuperación das institucións catalás, isto é, que se levante o 155.
 



x