A ORGANIZACIÓN RECOÑECEU PALESTINA COMO ESTADO EN 2011

Os EUA abandonan Unesco por a considerar "anti-israelita"

Os EUA abandonan Unesco por a considerar "anti-israelita"
Sede de Unesco
Sede de Unesco  

Washington anunciou esta quinta feira que deixa a organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura. Os EUA dan este paso cando a UNESCO ten de nomear a súa próxima lideranza e soan para a súa dirección xeral varios candidatos musulmáns.


Nova decisión controvertida da Administración Trump e novo aceno de claro aliñamento da potencia imperial co Estado sionista. Os EUA abandonarán a finais de decembro a UNESCO e nun comunicado do Departamento do Estado ligan esta decisión ao pretenso "escoramento" desa organización de Nacións Unidas a prol das teses palestinianas e contra os intereses de Israel, aliado preferente dos EUA en Oriente Próximo.

 

Washington alega tamén que a UNESCO precisa dunha "reforma fundamental na súa organización" e de saneamento económico polas súas "crecentes débedas".

 

A directora xeral da Unesco, a búlgara Irina Bokova, expresou o seu "profundo lamento" por esta decisión da Administración Trump.

 

Fontes diplomáticas sinalan que un dos desencadeantes do abandono norteamericano da UNESCO sería a inclusión da cidade de Hebrón, na Cisxordania ocupada ilegalmente por Israel, na lista de patrimonio mundial en risco que elabora esta organización das Nacións Unidas, unha catalogación que Tel Aviv percibiu como unha agresión aos 200 colonos israelitas que moran nesa urbe.

 

As relacións entre os EUA e a dirección xeral da UNESCO ficaron xa moi deterioradas cando, en 2011, a axencia da ONU recoñeceu Palestina como estado membro. Nese momento, Israel declarou a guerra á equipa dirixida por Irina Bokova -que conclúe mandato ao final deste ano-, a criar o caldo de cultivo que acabou por levar os EUA a abandonar a organización.

 

Washington, en todo caso, manterá a partir de 2018 un estatus de estado observador.

 



x