Os EUA preparan un novo ataque contra Siria e Rusia advirte que responderá

Os EUA preparan un novo ataque contra Siria e Rusia advirte que responderá
Un momento dunha das votacións no Consello de Seguranza
Un momento dunha das votacións no Consello de Seguranza  

Un ano despois do ataque a unha base aérea do Exército sirio, a Administración Trump valora a hipótese dunha nova acción militar contra o Goberno de Al Assad. O pretexto volta a ser un suposto ataque con armas químicas producido o pasado sábado perto de Damasco, un feito que aínda está pendente de ser investigado pola Organización internacional pola Prohibicion de Armas Químicas. Rusia advertiu esta cuarta feira a Washington que responderá militarmente no caso dunha ofensiva estadunidense.


Esta terza feira, os EUA e Rusia vetáronse mutuamente no plenario do Consello de Seguranza de Nacións Unidas, composto por 15 estados, unha cimeira en que se analisou o hipotético uso de armas químicas este sábado pasado en Douma, unha cidade ben próxima de Damasco controlada por milicias jihadistas. Destarte, non foi posíbel unha resolución do órgao. Nen foi nen será: Washington e Moscova (como Beijing, París e Londres) manteñen o dereito de veto, privilexio obtido polas potencias vencedoras após a Segunda Guerra Mundial. O Goberno de al-Assad nega estar detrás do masacre de Douma, que tería deixado 60 mortos.

 

O disenso básico entre Washington e Rusia radica en quen debe investigar o suposto uso do armamento prohibido. Os EUA propuñan criar un novo mecanismo de investigación -que substituiría a misión conxunta da OPAQ e a ONU cuxo mandato expirou o pasado mes de novembro-, mais Moscova non apoiou a moción ao pór en dúbida a imparcialidade da investigación. A contra-proposta rusa -que fose en último termo o Consello de Seguranza o que determinase a autoría do pretenso ataque químico após a OPAQ esclarecer se o houbo ou non- foi rexeitada polo bloco liderado polos EUA (Franza, Países Baixos, Perú, Polonia, Suecia e Reino Unido). Si apoiaron a iniciativa da Administración Putin Bolivia, China, Etiopía, Guinea Ecuatorial e Kazaxistán.

 

Trump dá por amortizado o non aval de Nacións Unidas, mais iso non vai deter os seus planos bélicos, que poderían materializarse nas próximas 72 horas. Segundo informa esta cuarta feira The New York Times, os EUA pensan nun ataque de maior escala do que o perpetrado en abril de 2017. Daquela a acción limitouse ao lanzamento de 59 míseis tomahawk por parte de dous destrutores contra a base aérea de Al Shayrat. Os danos á aviación siria foron limitados. O Pentágono defende agora elevar o rango da resposta. Unha ofensiva de maior espectro. Porén, Trump -que enarborou durante a súa campaña presidencial a bandeira do acordo con Moscova para a pacificación de Siria- desbotaría o envío de tropas terrestres.

 

Os EUA non están sós. Teñen canda si Franza e o Reino Unido, embora París e Londres teñan dito que formalmente non se pode facer nada mentres non concluír a investigación sobre o terreno. As monarquías feudais de Arabia Saudí e Qatar -cuxos vínculos co Daesh foron revelados por Hillary Clinton nunha comunicación filtrada no seu día por Wikileaks- tamén aparecen como aliados de Washington fronte Siria.

 

O conflito é agora máis que nunca un confronto de potencias polo control dun enclave de enorme importancia estratéxica. Rusia tampouco está soa. Canda ela, embora nun discreto segundo plano, está China. Beijing apoiou a moción rusa e abstívose na norteamericana.

 

Unha escalada no conflito podería atinxir escenarios imprevisíbeis se a agresión norteamericana fose respondida militarmente por Rusia. Esa hipótese foi posta sobre a mesa esta terza feira polo enviado ruso ao Líbano Alexander Zasypkin, quen declarou a Al-Manar TV: "As forzas rusas confrontarán calquera agresión norteamericana en Siria, interceptando os míseis e atacando as súas lanzadeiras".

 

 



x