Falece Martin Mcguinness, o último irlandés de Soweto

Falece Martin Mcguinness, o último irlandés de Soweto
MacGuinnes e Adams
MacGuinnes e Adams  

Ex- dirixente do IRA e vice-ministro de Irlanda do Norte, faleceu aos 66 anos de idade por mor dunha rara enfermidade xenética. “Faleceu o noso camarada. Botarémolo de menos” di a nota oficial do Sinn Féin. 


O director John Ford afirmaba que ninguén sabe odiar coma os irlandeses, porque neles o pasado está sempre presente. O poeta Seamus Heaney recoñecía emocionarlle a teima desas persoas que, ao longo da historia e contra vento e maré, mantiñan que a illa era a súa patria. John Lyndon, cantante dos Sex Pistols co alcume de ‘Jhonny Rotten’ e despois de PIL, fillo de irlandeses emigrados a Londres, titulou a súa biografía coa frase que máis escoitou na súa nenez nas rúas londinenses: “No blacks, no dogs, no irish’. Nin negros, nin cans nin irlandeses. Houbo un político que entendeu o que todo isto significaba e implicaba á perfección. 

Martin McGuinness naceu en Derry en 1959 no seo dunha humilde e numerosa familia católica sometida, como o resto de familias católicas, ao imperante ‘apartheid’ que o protestantismo impuña nos seis condados irlandeses baixo dominio de Londres. A década dos 60 foron anos de intensas manifestacións e mobilizacións polos ‘dereitos civís’ en Irlanda do Norte. Os irlandeses (católicos) reclamaban igualdade de dereitos e de oportunidades que os protestantes (británicos). Os protestantes intensificaron a baza da represión e a violencia, Londres mandou o seu exército a ‘poñer orde’ e este actuou en Irlanda do Norte coa xenreira, alevosía e impunidade dunha forza de ocupación.

McGuinness, ao igual que outros mozos dos barrios católicos, participaba nas marchas e enfrontamentos na rúa contra a policía do Ulster. Ao igual que tamén moitos mozos, entre eles varios dos seus irmáns, deu o paso a finais dos 60 de se alistar nas fileiras do IRA Provisional, os ‘provos’. Con apenas 22 anos viaxou a Londres con Gerry Adams para tomar parte nunhas negociacións secretas co goberno británico. A viaxe amosaba que McGuinnes tiña asumido importantes responsabilidades no seo da organización armada republicana.

O tándem Adams / McGuinness foi o rostro público do republicanismo estas máis de tres décadas. Adams era o carisma, o líder que viaxaba Estados Unidos para dar mítines entre a comunidade irlandesa e volvía con millóns de euros en doazóns. Era o líder que bromeaba coas vellas que o abenzoaban en Falls Road, arteria republicana de Belfast, e que non perdía o sorriso fronte aos soldados que lle ameazaban nos controis con deixalo sen dentes. MacGuinnes era o home de poucas palabras, pero estas ían a misa. O irlandés ao que nos anos duros palestinos e o CNA (Congreso Nacional Africano) agradecían o apoio e solidariedade irlandesa para coas súas causas. Canda a morte de Nelson Mandela, na ‘garda de honra’ do seu enterro, un posto de privilexio foi para o Sinn Féin. Alí estaba Gerry Adams, presidente do partido republicano, mais todos sabían que quen tiña que estar era Martin, “o irlandés de Soweto’, 'O negro de Derry'. "Os irlandeses somos os negros de Europa", dicían en The Commitments.

Houbo un tempo para a guerra e houbo un tempo para a paz. O republicanismo irlandés así o entendeu cando iniciou o proceso de cesar o fogo do IRA e deu paso ás negociacións que culminaron no ‘Acordo de Venres Santo’. McGuinness entrou entón noutra fase de loita, como el mesmo dicía, a institucional. Foi durante dez anos viceministro de Irlanda do Norte. 'Cabalgando contradicións', como disque se di agora. Dimitiu hai dous meses por mor da enfermidade que padecía, amiloidose, dando paso a Michelle O`Neill, representante dunha nova xeración do republicanismo irlandés.

McGuinness faleceu na madrugada desta terza feira. Varias mans encheron as paredes do seu barrio natal co lema irlandés, que era o mesmo en Soweto, Belfast ou no campo de refuxiados de Ienín: 'Tiocfaidh ár lá' (Chegará o noso día). 

Reaccións

A morte do líder republicano axiña xerou reaccións. Non só en Irlanda e Reino Unido mais tamén noutros países, como Galiza. Ana Miranda ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresaron as súas condolencias a través das redes sociais. Tamén o fixeron membros da dirección de Anova, como Brais Fidalgo. Ao igual que en Galiza, en Euskal Herria e Catalunya tamén houbo expresións de sentir polo pasamento de McGuinness.

 

 



x