ALGUNHAS FONTES FALAN DE INACCIÓN POLICIAL

Fascistas agreden simpatizantes independentistas en Valéncia

Fascistas agreden simpatizantes independentistas en Valéncia
Un momento das agresións recollido nun vídeo
Un momento das agresións recollido nun vídeo  

O País Valenciá comemora esta segunda feira a Diada do 9 de Outubro. Con tal motivo Valéncia acolleu esta tarde unha marcha convocada sob o lema "Si ao Valenciá". Nela tomaron parte simpatizantes da causa independentista catalá, nomeadamente mozas e mozos de Arran (as mocidades da CUP). Foron vítimas de agresións e insultos por parte dun grupo de por volta de 150 ultradireitistas.


Momentos de tensión e violencia foron os que se viveron esta na capital valenciá durante a marcha convocada pola Comisión 9 de Octubre, unha plataforma que agrupa o valencianismo de esquerdas. Un nutrido destacamento de unionistas de ultradireita -formado por volta de 150 persoas, con certo grao de organización- plantouse diante dun grupo duns 30 mozas e mozos partidarios da independencia de Catalunya, entre os que se achaban militantes da CUP e de Arran. 

 

Os independentistas uníranse á marcha portando unha faixa co lema "A independencia, o único camiño", o que desatou a furia da lexión de fascistas. Segundo varias testemuñas, os ultra perseguiron e agrediron varios mozas e mozos soberanistas. Algunhas das imaxes foron recollidas mesmo ao vivo por La Sexta, que interrumpiu a emisión -no momento en que se vía como os fascistas golpeaban os independentistas- co pretexto de que as imaxes eran excesivamente violentas para o horario infantil en que se estaba a producir a marcha.

 

Algunhas fontes presenciais citadas por Vilaweb indicaron que a policía española tolerou coa súa inacción os primeiros compases da razzia fascista e que só actuou cando o escándalo comezou a ser maiúsculo.

 

Os ultra agrediron tamén un xornalista, que recolleu o ataque no seu twitter.

 

 

 



x