CERCO DA INTELIXENCIA NORTEAMERICANA AO PRESIDENTE ELEITO

FBI ten no seu poder documentos que probarían contactos secretos de Trump con Rusia

FBI ten no seu poder documentos que probarían contactos secretos de Trump con Rusia

Fóronlle entregados polo senador republicano John McCainn. Nunha comparecencia no Senado, o director do FBI, James Comey, declinou precisar se están a investigar Trump. O presidente eleito xurará o cargo o 20X.


Segundo o dossier feito chegar ao FBI por John McCain, o presidente eleito tería mantido contactos secretos con Moscova e a intelixencia rusa disporía neste momento de material comprometedor para Trump co que tería a capacidade de o chantaxear.

Que o FBI se fixese con este material de mans dun senador republicano mostra até que ponto no partido da direita estadounidense existe un importante sector claramente contrario ao presidente eleito.

A equipa de transición de Trump -o que está a preparar a aterraxe do magnate na Casa Branca, axendada para o 20X- negou categoricamente a verocidade dos documentos e a existencia de calquera tipo de contacto secreto con Moscova.

O propio Trump, especialmente prolífico nas redes sociais, empregou a súa conta twitter para, de forma oblicua, se referir ao asunto e clasificalo como un episodio máis da "caza de bruxas" que, segundo el, está a sofrer desde que, contra prognóstico, se impuxo nas eleccións presidenciais a Hillary Clinton.

Os contactos de Trump con Moscova teríanse producido ao longo dos últimos cinco anos e atinxirían non só a esfera política, senón tamén a empresarial. Así, o magnate tería declinado ofertas de participar en investimentos inmobiliarios asociados ás obras programadas arredor do Mundial de Fútebol 2018 -que se realizará en Rusia-. Aliás, en troca, tería aceitado ser destinatario dun regular fluxo de información de intelixencia sobre as actividades do Partido Demócrata e "doutros rivais políticos", verosimilmente aqueles que lle disputaron a elección como candidato á presidencia por parte do Partido Republicano.

Os servizos de intelixencia rusos, segundo este dossier, manexarían neste momento información sobre Trump tan delicada como para ter a capacidade para o submeter a chantaxe.

A cuestión central agora é elucidar agora se estes documentos son veraces ou non. Esta terza feira, CNN informou de que o FBI está a investigar sobre a súa credibilidade. En todo caso, o material pasou a engrosar o dossier elaborado pola policía federal e a CIA sobre a suposta inxerencia rusa nas eleccións presidenciais (a favor de Trump e en contra de Clinton), interferencia que a intelixencia norteamericana dá por descontada.

O confronto entre o FBI e a CIA co presidente eleito espella as tensións que se viven no seo das elites de Washington

Trump tense empregado a fondo para deitar dúbidas sobre as conclusións da intelixencia norteamericana sobre a acción dos hackers rusos durante as eleccións á presidencia. O confronto entre o FBI e a CIA co presidente eleito espella as tensións que se viven no seo das elites de Washington desde que Trump desafiou o establishment do seu propio partido (controlado nos últimos anos pola familia Bush) para logo enfrontar o combate con Hillary Clinton.

Como chegou o material a mans de McCain? 

O senador republicano revelou que foi informado da existencia do dossier por un intermediario dun estado occidental aliado dos EUA. McCain enviou fóra do país a un emisario a ter unha entrevista coa fonte informante. Ao ficar impresionado pola leitura dos documentos, resolveu entregalos en persoa ao director do FBI, James Comey, nun encontro persoal que se tería producido o 9 de decembro.