A fiscalía, contraria a que Junqueras, os consellers e os Jordis abandonen a prisión

A fiscalía, contraria a que Junqueras, os consellers e os Jordis abandonen a prisión
O avogado do PDeCAT Jordi Pina fai un aceno á súa chegada ao Supremo
O avogado do PDeCAT Jordi Pina fai un aceno á súa chegada ao Supremo  

O Ministerio Público afirma que existe risco de reiteración delictiva, embora o vicepresident e os consellers foron materialmente desposuídos dos seus cargos -e das súas capacidades executivas- en virtude da aplicación do artigo 155. O xuíz Pablo Llarena decidirá esta segunda feira se confirma a prisión ou -tal e como fixo con Carme Forcadell e os membros soberanistas da Mesa do Parlament- lles concede a liberdade con fianza.


O Ministerio Público depende hierarquicamente do poder executivo no Estado español -o Goberno é quen nomea o fiscal xeral- e, destarte, a mensaxe que envía a Moncloa a escasos días de comezo da campaña eleitoral é de man dura contra o independentismo.

 

Os argumentos xurídicos que enarbora a Fiscalía para reclamar do xuíz o mantimento da prisión incondicional sen fianza -o risco de fuga e a reiteración delictiva- son extraordinariamente endebles. O risco de fuga non se ten de pé porque Junqueras e os consellers optaron no seu día por se apresentar perante a Audiencia Nacional e non acompañaron os pasos de Puigdemont rumo a Bruxelas. A reiteración delictiva, tampouco, porque, afastados dos seus cargos, non se ve de que forma poderían cometer ilícitos penais tendo en conta que a DUI -a declaración unilateral de independencia- xa esgotou os seus efeitos e é de por si un acto irrepetíbel.

 

Todos e cada un dos presos políticos que esta sexta feira compareceron perante o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena -único encarregado da causa após absorber tamén a que se estaba a instruír na Audiencia Nacional- declararon dun xeito ou doutro o seu acatamento do 155 e a súa vontade de participar na campaña eleitoral con plena aceitación do actual marco xurídico español [as eleccións foron convocadas polo Goberno Rajoy].

 

Para demandar a súa saída de prisión, Junqueras, os consellers e os Jordis argumentaron o seu direito á participación política, que se vería claramente conculcado de se confirmar a súa prisión incondicional. Os únicos presos políticos cataláns que non figuran en listaxes eleitorais son Meritxell Borrás (ERC) e Jordi Cuixart (presidente de Òmnium Cultural).

 

Non todos os acusados despregaron a mesma estratexia de defensa na sesión habida esta sexta feira perante o Tribunal Supremo. Destarte, Oriol Junqueras e Raül Romeva son os que mantiveron unha posición menos colaborativa co poder xudicial español, ao se negaren a responder as perguntas da Fiscalía. O conseller Josep Rull, por súa parte, contestou as perguntas de todas as partes na vista, agás as formuladas pola representación do partido de ultradireita español Vox, que esta sexta feira se incorporou ao proceso na súa calidade de acusación popular.

 

O precedente de Forcadell

 

A fiscalía xeral do Estado, por tanto, non varía o criterio sustentado polo seu anterior titular, o falecido José Manuel Maza, e o seu sucesor, Julián Sánchez Melgar, pide tamén que se manteña a prisión incondicional non eludíbel baixo fianza.

 

Falta agora por saber se o xuíz Pablo Llarena manterá tamén o seu criterio e actuará como no caso de Forcadell e tres membros da Mesa do Parlament, isto é, desouvindo a petición do fiscal e decretando a liberdade baixo fianza de Junqueras, os consellers e os Jordis.

 



x