PRIMEIRAS SONDAXES DA PRIMEIRA VOLTA

As forzas nacionalistas corsas obterían máis da metade dos votos

As forzas nacionalistas corsas obterían máis da metade dos votos
[Imaxe: Core in fronte] Paul-Felix Benedetti cando depositou o seu voto
[Imaxe: Core in fronte] Paul-Felix Benedetti cando depositou o seu voto  

As primeiras sondaxes que fan públicas os medios corsos apuntan á vitoria das formacións nacionalistas, Pè a Corsica e Core in Fronte, que acadarían máis da metade dos votos na primeira volta das eleccións, mentres que a Fronte Nacional de Charles Giacomo ficaría no último lugar.


Medios de comunicación corsos veñen de facer públicas as primeiras sondaxes das eleccións, que apuntan á vitoria das forzas nacionalistas. Así, a candidatura Pè a Corsica, liderada por Gilles Simeoni, o presidente do consello executivo, obtería o 45% das papeletas, mentres que Core in Fronte, encabezada polo independentista Paul-Felix Benedetti, acadaría o 6,4%.

 

Core in Fronte podería sumarse á candidatura de Pè a Corsica na segunda volta e constituíren, así, un bloque nacionalista

 

A segunda forza máis votada sería a dereita de Jean Martin Mondoloni, co 15,8% dos apoios, seguida do partido do presidente francés Emmanuel Macron, La Republique en Marche, de Jean-Charles Orsucci, co 11,7%. A candidatura menos votada sería a Fronte Nacional do francés Charles Giacomo, que só se faría co 3% dos votos, segundo estas sondaxes.

 

"Córsega envía un sinal moi forte a París e di que quere a paz e a democracia e construír unha illa emancipada", afirmou após coñecer os resultados Gilles Simeoni.

 

Un sistema peculiar

 

O sistema electoral da asemblea corsa consta de dúas voltas. A candidatura máis votada na segunda volta recolle un conxunto adicional de once escanos, sempre e cando superase o 16% dos votos. Para acceder á segunda rolda é necesario lograr un mínimo do 7%. Quen obtivese entre un 5 e un 7% podería aliarse con algunha das listaxes que superaran a primeira volta. Desta maneira, Core in Fronte podería sumarse á candidatura de Pè a Corsica na segunda volta e constituíren, así, un bloque nacionalista.



x