CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA (VIII)

Frikis, replicantes e 'gent normal'

Frikis, replicantes e 'gent normal'

"Eu... teño visto cousas nas que vós non acreditaríades: atacar naves en lapas alén de Orión. Vin raios C escintilar na escuridade perto da Porta de Tannhäuser. Todos eses momentos hanse de perder.. no tempo... como bágoas na chuvia" Así son as campañas: dúas semanas fantásticas para quen disfruta disto da comunicación política ou dúas semanas de pura ciencia ficción para quen ten que decidir quén goberna Orión entre unha sobredose de promesas, datos, souvenirs e contradiccións. 


Así son e así rematan tamén, perdidas como bágoas na chuvia; por iso, recén abertos os 2.680 colexios electorais e a unhas horas de saber o resultado, non vén de máis unha escolma do que deu de si, das cousas que vimos e non acreditaríades, fóra de plano.

 

En Catalunya, efectivamente, arderon as naves, metaforica e literalmente falando, e Barcelona espertou o día da reflexión logo do que puido ter sido, tranquilamente, un ataque dos Replicantes. Onde lucían os cartaces dos candidatos impuxéronse os sinais de identidade de quen defende como único resultado válido iso de Una, grande e libre.  Ninguén os viu actuar, as novas deron conta da afrenta e o contraste da información confirmou que, efectivamente, a cidade estaba en chamas. Tanto e así que, mentres os aparatos dos partidos concretaban os dados para o seguimento da xornada electoral, as hostes da nocturnidade e a alevosía xa anunciaban manifestacións para á noite en caso de non conseguir a victoria, segundo deron conta varios xornais.

 

En Sermos Galiza soubemos do lume antes mesmo de ler a prensa da mañá, contóunolo unha veciña do barrio de Sants, galega pero catalá de adopción, que vai votar pola República malia que a morriña a leve á estación a mercar de cando en vez nunha tenda que vende produtos tan da casa como os grelos. Contóunolo porque, precisamente, esta cuarta feira decidiu reflexionar a golpe de tripas e de caldo e, de camiño, sumou todas e cada unha das paradas, contenedores e marquesinas que mudaran de cartaces. Botou un pequeno vistazo até no centro mesmo da cidade, en pleno Paseo de Gràcia, onde tamén atopou mostras do delito.

 

IMG_20171221_122142_549O Barrio de Sants é de tradición obreira, traballadora, e nel conviven, como en tantos outros barrios de Barcelona e de Catalunya, nativos con foráneos. Un rapaz que é de Santiago marcha cedo para coller o avión, pois esta mesma fin de semana xa é nadal. Deixou o seu voto por correo e a súa opción, malia non ser independentista, é a da República. Atopámolo nas escaleiras e di que se vai optimista, mais con medo. Chamamos á porta do home que vive no Principal e non contesta. O rapaz de Santiago e outra veciña explican que é un republicano convencido, mais é dos que está na fase de “fagamos o que fagamos van gañar eles, vai gañar Ciudadanos”, así que hai que darlle algo de ánimo para que finalmente mova o cú e que, se gaña, cando menos que por el que non sexa –rin os seus compañeiros de escaleira-  Hai unha forofa do Espanyol, nada en Lleida, das que semella que xa naceu así, anciá xuvenil, de idade indefinida, amplos beizos pintados de vermello por unha man que xa non mantén o mesmo pulso e impecable media melena gris nin un céntimetro arriba nin un centímetro abaixo. Convida a pasar e na mesa da sala ten colocada unha papeleta disposta, en principio, a ser entregada en urna. Todo fai pensar en Puigdemont, mais unha mirada furtiva demostra que é a candidatura de ERC.

 

“Non se ve moito movimento”, comenta alguén nunha froitería símbolo do refuxio, da migración e da convivencia. Barcelona sempre foi cidade de acollida. Rexéntaa unha muller de Bangladesh e comentan algúns clientes que algo lle tivo que ter pasado porque dun tempo a esta parte volveu a “desoccidentalizarse”, é dicir, a levar velo, vestido tradicional e amosar de novo unha actitude máis cauta e sumisa, máis acorde coa que caracteriza as mulleres hindúes. Seica ao seu marido non lle facía graza, ao despachar a demasiados clientes homes da súa mesma orixe, que se asemellara tanto a unha muller europea. Ela di que vai votar os “de aquí, aos únicos que sempre miran por nós”, pero non hai quen lle quite as siglas da boca. Tamén comenta que un señor se lle ofreceu a levarlle a papeleta, en todo caso, nin ela mesma sabe realmente se ten a nacionalidade en regra como para poder exercer o dereito a voto.

 

Día laborábel

 

Non se ve moito movimento porque non hai que esquecer que é quinta feira, día laborábel, polo que a cotidianeidade é o que impera, a dun día “normal” no que a “xente normal” anda a resolver os seus asuntos “normais” que, ademais, nestas datas, a tres día da Noiteboa, teñen máis a ver coas compras de regalos e as decisión sobre os menús que sobre as urnas. 

 

A señora da mercería do barrio, porén, si que está on fire cos comicios e apura a venda de panos amarelos, agasallando como complemento os lazos para as lapelas, entre outras vendas típicas do negocio, como bragas ou medias. Outra muller entra tamén a saco na conversa sobre a situación de Catalunya ao parala para preguntarlle por unha dirección, pero é que, cousas da vida, resulta que é a ex moza do Jordi Sánchez, co cal a ferida do 1 de Outubro e do que poida pasar á noite están abertas. Ela teno claro, “din que marchan empresas, que cae o turismo pero por que non plantexan a de xente que nos estamos pensando abandonar a nosa cidade, o noso país se o Estado segue a impedir que poidamos quedar pacíficamente nel”.

 

IMG_20171221_122132_077

 

 

Lembra, como se aínda o estivese revivindo ao contalo, a xornada do Referendum, cando levaba a urna agochada no coche, as sensacións de medo e incomprensión por ter que ter medo, as lembranzas dos tempos da Universidade co Jordi, cando comezaron xuntos nisto do activismo e da política, “pero claro, eran outros tempos, daquela era normal ter medo, pero agora, sentirte clandestina por querer votar?

 

Sociedade civil e gent normal

 

Nunha situación de non “excepción”, estas testemuñas non terían máis relevancia nin máis interese que a de pór unha nota de humanidade e de cor á campaña. No contexto no que se desenvolveu o 21-D é como asistir a unha realidade paralela, é como constatar o que precisamente os políticos tanto queren evitar, a separación entre a sociedade civil e máis eles. Pero claro, que se considera sociedade civil nun País que dotou de connotacións partidarias o concepto e distinguiu as persoas entre “xente normal” e a outra?

 

Entre mitin e mitin, ataque e ataque entre naves e uso indiscriminado dos raios C, pasaron cousas. Esa sociedade civil continuou o seu día a día, como amosan as testemuñas, e tamén se organizou; participou nos seus propios actos cívicos, pacíficos. Velaron polos presos políticos e pola súa liberación. Debateron, acompañados por representantes de países solidarios, sobre feminismo, medios de comunicación, liberdade dos pobos… nunha Trobada maiormente xuvenil. Agudizaron o enxeño para eludir a prohibición do groc; mobilizáronse para que distintas cidades europeas despertaran vestidas de amarelo;  ou publicaron un libro de viñetas contra os actos de represión derivados da aplicación do 155. 

 

Que escora demasiado a esquerda soberanista? E se se reformula a pregunta do xeito seguinte: escora demasiado a defensa da democracia? 

 

IMG_20171221_122123_665Hai, ademais, cómo equilibrar a balanza, por exemplo coa homenaxe do grupo de Els Castellers ao que pertence Raül Romeva, nun dos primeiros actos logo de saír da cadea. Un grupo no que conviven persoas de moi distinto signo político que, non obstante, priorizan o que as une ao que as separa. Un exemplo de convivencia e de irmandade que ben poidera ser folla de ruta para quen saia elixido president, para demostrar que no centro do debate e do futuro está, en verdade, a xente.

 

Familias desestructuradas, parellas rotas

 

A xente sen máis, sen adxectivos cualificativos nin descualificativos, pois a dita distinción entre normais e os outros non é nin politicamente correcta nin se axusta a un estado de dereito, como ten comentado a este diario Roger Torrent na crónica Un Día Con. Daquela xornada quedaron varios asuntos pendentes, un deles o tópico de que o procés provocou desestructuración nas familias e nas parellas. “Todo iso non é certo, o que si non se pode negar é que influiu no tabaco. Volvín  fumar”. Risas. Evidentemente isto é só unha anécdota, unha ironía -certa, todo hai que dicilo- para quitar ferro ao dito tópico. Alguén lembraba sabiamente nun chío, nesas sentenzas do xornalismo cidadá que de tan evidentes non se soe reparar nelas: “Cómo é iso de que políticos e políticas confrontan a familias e amigos??... fixémolo sós de toda a vida!!”

 

Pero non todo o mundo está dacordo e o coñecido presentador de telelixo Jorge Javier Vázquez publicou estes días ser vítima do procés, precisamente porque cortou co seu mozo por motivos ideolóxicos. Kiko Matamoros daba na xornada de reflexión o seguinte titular en Elnacional.cat: “Se gaña o independentismo van voar os puñais”. Coa prensa rosa hemos topado. Acaso é este o electorado de gent normal ao que se referían algúns partidos en campaña?

 

Entre Blade Runner, Los Bingueros e Corín Tellado

 

Si, o rosa dista un pouco da nave nodriza, de Blade Runner como leit motiv dos ataques incendiarios que foron o pan noso de cada día esta quincena e no que participaron todos os unionistas máis algún outsider equidistante ou soberanista. Para ser rigurosos, a comparanza coa película ten a ver realmente coa carpa laranxa sideral instalada por Ciudadanos na Praza da Universidade, holograma de Inés Arrimadas, cal replicante, incluido. O ton Frankenstein que introduciu Domènech nos últimos días de campaña e a decisión de ir ao o cine a ver a última de Star Wars que tomaron case todos os candidatos como actividade para pasar o día de reflexión, contribuíron un pouco para favorecer este clima de ciencia ficción, non só no metáforico senón tamén literal, como se dixo ao comezo da crónica.

 

Á equipa de Arrimadas só lle faltou incluir Vangelis como música ambiente dos mítines, pero iso xa sería extremar a imaxe de frialdade dunha candidata da que nestes momentos semella que está namorado media España. Optaron por Coltrane. Non encaixa, nin coa carpa nin cos making off que ofereceu a cabeza de lista por Cs en Instagram, tales como unha típica foto de chicas chachi indo xuntas ao baño. Pero que non vos poida o prexuízo ;) Iso si, “Joer, fillos de puta, han matado a Kenny”, comenta un compañeiro xornalista fan incondicional do músico de jazz.

IMG-20171221-WA0000

O candidato de Catalunya en Comú racha tamén o esquema inicial do fantástico ao optar, como música dos actos, por algo tan previsible como Manel e a canción que os lanzou á fama, en España cando menos: Gent Normal. Versión, por certo, dun tema do grupo británico Pulp que trata sobre aquelas persoas que, segundo o compositor, querían ser como a xente común pero non o eran, fallaban no intento porque ao final sempre estaba papá para arranxalo todo.

 

Pablo Iglesias, no mitin de peche, tampouco lle fixo un grande favor a ese perfil algo friki  de Domènech ao falar tanto de que representaba a ternura e de que esta formación viña a Catalunya a repartir bicos e abrazos. Claro que, segundo cómo se entenda o concepto friki, se como fan do Falcón Milenario ou como seguidor de Sálvame Deluxe, e aí temos Iceta, a quen lle debemos a introdución do programa, na súa versión política, á campaña.

 

Soltar a melena

 

Todas as enquisas coincidiron, ao principio, en salientar o despunte do PSC a respecto das previsións. Os seus asesores, confesou nunha entrevista con Thais Villas en El Intermedio, recomendáronlle non bailar, levar sempre gravata, mudar as gafas e adoptar un ton presidenciábel. Mais a medida que foron pasando os días, foise crecendo e soltando a melena. Non hai xeito empírico de establecer a relación causa-efecto entre as pílulas Icetaton; o baile agarrao con Pedro Sánchez; as desinfeccións de Borrell; chamar Osito a Junqueras ou facerse acompañar de Revilla para pechar a campaña cun estancamento ou baixada nas previsións, pero es para hacérselo mirar.

 

Demasiadas risas para un conto que, como diría Castelao, é máis ben triste. Pero hai risas e risas e fronte á estridencia de Iceta, está a descuberta da serenidade feita candidato. O home tranquilo. Na memoria fica fixada a súa posta en escena de inicio de campaña, un look e un saber estar que o acompañou durante os quince días. O home da CUP, o home que debería dar medo, segundo o relato, realmente o que amosou foi talante, tolerancia e paciencia. Ten o problema da coralidade, non cadrou no mitin de peche -que foi simultáneo en catro puntos- pero puido ter cadrado: a súa prestancia vs as coletas de Anna Gabriel e conste que non se trata aquí de caer nos xuízos sumarísimos sobre as rapazas independentistas nin sobre ninguén, mais si que houbo un algo de descompensación entre a candidatura que non dá nin para pórlles unha mesma banda sonora común. Cecais por iso fixeron pública unha playlist, un feito que sorprende porque o prexuízo e o non coñecer fai que só se lle atribúa a Podemos ter dado un salto cualitativo na comunicación política no que a deseño e uso de novas ferramentas se refire, pero a CUP non ten nada que os envexar a ese respecto.

 

A fase do canto á amizade que leva consigo calquera borracheira veu da man de Rajoy, Albiol e Soraya Sáenz de Santamaría. Aínda que ás veces hai amigos que semellan ser o teu peor enemigo. O de tarados, non lavarse, comparar o 155 cos efectos do cava e cargarse a separación de poderes, até cun chistaco que axiña desapareceu dos cortes informativos:  Diplocat… en liquidació, só pode resumirse nunha frase xa mítica: Que viva el vino. A programación da axenda do PP amosou un abuso dos actos tipo xantar, ningún asesor vai recoñecer que foi para garantir a imaxe de “completo”, mais pode que a cousa vaia por aí, o caso é que cando o fas así tes que asegurar tamén que a xente saiba beber.

 

Mega…todo

 

Como Arrimadas, Puigdemont si que se suma á obra maestra de Ridley Scott e el só suma todos os replicantes, os da película orixinal e os da versión estreada con motivo do seu 25 aniversario. Todos son El nostre president. Con Junts per Catalunya chegou o concepto de Megamitin, o último dia de campaña, e tanta necesidade de presenza e de oratoria non deixaban nin escoitar a música que, de habela, era Megaépica, seguro. Se non estivésemos no século XXI, de seguro que o candidato voltaría á praza de Sant Jaume a lombos dun cabalo branco, co mesmo abrigo tres cuartos, iso si, co que pasea, lacónico, pisando follas de outono en Bruxelas mentres lembra os nomes dos compañeiros que en vez de fuxir fican no caldeiro.

 

IMG-20171221-WA0002I amb al somriura, la revolta. Botouse de menos a presenza física, visíbel de Lluis Llach na campaña. Participou, non obstante, de xeito activo a través das redes. Non era a banda sonora de ERC –de feito, o Roger, por exemplo, facía quilómetros con Johnny Cash alomenos na guanteira- pero a súa película, a súa campaña e en concreto a xornada de peche foi como Un dia de vino e rosas, de Estremera e a unha imaxe coa que rematou todo e que non pode dicir máis, non admite outro pé de foto: I amb al somriura, la revolta

 

Xa non queda nada, tan só unhas horas para a fin dun filme multixénero cuxo guión está a escribirse nestes momentos, alén do relato. O exercicio dun dereito por parte da gent normal, da real, será quen decida o The End.

 

Nota: as fotos partidarias están tiradas das distintas redes sociais das formacións políticas. As urbanas da cidade de Barcelona son da autoría de R.R.

 

 

 



x