A Garda Civil imputa tres delitos ao director de El Vallenc por colaborar co 1-O

A Garda Civil imputa tres delitos ao director de El Vallenc por colaborar co 1-O
O director de El Vallenc atende os meios [Foto: NacioDigital]
O director de El Vallenc atende os meios [Foto: NacioDigital]  

Os cargos contra o xornalista terán de ser confirmados polo xuíz. Francesc Fàbregas tivo de ir á Comandacia da Garda Civil de Tarragona. Alí, exercendo os seus direitos, negouse a prestar declaración. Continúa, pois, a maquinaria represiva do Estado contra o referendo de autodeterminación convocado polas institucións de autogoberno catalás.


O corpo militar estatal ve indicios de que o semanario El Vallenc está a participar nos preparativos do referendo, polo que imputa ao seu director a condición de colaborador necesario na comisión dos mesmos tres delitos que a Fiscalía atribúe aos membros do Govern: desobediencia (ao Tribunal Constitucional), prevaricación e malversación de fondos.

 

Á saída da Comandancia, o xornalista díxolle aos meios alí congregados que non puido ter acceso ás dilixencias, pois a causa ten sido declarada secreta. Nos próximos días, engadiu, ha ser chamado a declarar nos xulgados.

 

Non estivo só Francesc Fàbregas. Por volta de 200 persoas concentráronse perante o cuartel da Garda Civil en solidariedade co xornalista. Entoaron cánticos pola independencia, portaban faixas soberanistas e até fixeron o simulacro de votar nunha urna.

 

A Garda Civil rexistou a redacción de El Vallenc durante cinco horas e confiscou o computador do seu director, segundo confirmou este a NacióDigital. Nas súas declaracións aos meios, Fábregas enfatizou que "non fixemos ningún delito". "O importante é que o 1 de Outubro iremos votar. Se fai falta que imprimamos papeletas, voltaremos a imprimilas", engadiu.



x