Goberno cubano habilita máis de mil locais para o pobo aderir o conceito de Revolución de Fidel

Goberno cubano habilita máis de mil locais para o pobo aderir o conceito de Revolución de Fidel
Monumento a José Martí
Monumento a José Martí  CubaDebate

Comezan esta segunda feira os actos, que se prevén multitudinarios, de tributo á memoria do líder da Revolución cubana.


O Goberno cubano -probabelmente para deixar patente perante o mundo a súa vontade de non mudar o rumo marcado pola xeración que derrocou a didatura de Batista- vai habilitar 1.060 locais en todo o país para o pobo xurar lealdade ao conceito de Revolución expreso por Fidel Castro no seu xa célebre discurso do 1 de Maio de 2000.

Nesa alocución, pronunciada nunha ateigadísima Praza da Revolución, Castro sintetizaba así o que para el e o seu goberno significa o proceso de transformación vivido en Cuba desde xaneiro de 1959: "Revolución é sentido do momento histórico. É cambiar todo o que debe ser cambiado. É igualdade e liberdade plena. É ser tratado e tratar os demais como seres humanos. É emanciparnos por nós mesmos e polos nosos proprios esforzos. É desafiar poderosas forzas dominantes dentro e fóra do ámbito social e nacional. É defender valores nos que se cre, ao prezo de calquer sacrificio. É modestia, desinterese, altruismo, solidariedade e heroísmo. É non mentir xamais, nen violar principios éticos. É convicción profunda de que non existe forza no mundo capaz de esmagar a forza da verdade e das ideas. Revolución é unidade, é independencia, é loitar polos nosos soños de xustiza para Cuba e para o mundo. É a base do noso patriotismo, o noso socialismo e o noso internacionalismo".

"Revolución é unidade, é independencia, é loitar polos nosos soños de xustiza para Cuba e para o mundo"

Senllos actos de masas están axendados para esta segunda e terza feira na Praza da Revolución, o primeiro deles a comezar hoxe ás 16 horas, hora galega, perante o Memorial José Martí, cuxa efixie se acha colocada perante unha torre xigantesca con forma de estrela de cinco pontas, un dos espazos máis simbólicos da Habana e, por extensión, da Revolución.

Após estes actos no corazón da Habana, esta cuarta feira as cinzas do líder cubano viaxarán a Santiago de Cuba, nun percurso de mil quilómetros inverso ao que os barbudos realizaron en xaneiro de 1959, coa revolución xa triunfante.

O sepelio de Fidel Castro terá lugar no cimiterio de Santa Ifigenia, en Santiago de Cuba.