O goberno de Gales presenta un plan para acadar o millón de falantes en galés en 2050

O goberno de Gales presenta un plan para acadar o millón de falantes en galés en 2050

Vén de presentar un plan para o sistema educativo que ten como obxectivo final acadar un millón de persoas falantes do idioma propio deste país celta en tres décadas.


O goberno de Gales vén de presentar un plan cuadrienal para a educación que ten como obxectivo final acadar un millón de persoas falantes de galés en 2050. Gales (Cymru) ten pouco máis de tres millóns de habitantes e o censo de 2011 cifra en 562.000 as persoas falantes de galés, o que supón unha perda de 14.000 falantes a respeito do anterior censo, de 2001. Cymdeithas yr Iaith Gymraeg (Asociación pola Lingua Galesa), a principal entidade na defensa e promoción deste idioma da familia das linguas celtas, calcula que cada ano o galés perde por volta de 3.000 falantes.

 

As medidas que fan parte deste plan contemplan diversas medidas e actuacións, que se basean en tres alicerces principais: aumentar o coñecemento do galés, incrementar o seu uso e crear as condicións favorábeis para o seu uso na vida diaria.

 

Cymdeithas, porén, dubida de que este plan poida lograr o obxectivo marcado. Esta asociación considera que hai que facer do galés a lingua vehicular nas escolas do país para 2030 para así poder garantir ese millón de falantes en 2050. O goberno de Gales, sen embargo, cifra en 30% os alumnos que en 2030 sexan escolarizados en galés.

 

En Arxentina, galés patagónico (Cymraeg y Wladfa)

 

O galés non se fala só en Cymru (Gales). Hai falantes deste idioma en Estados Unidos ou Australia, sitios onde emigraron fortes continxentes de galeses e galesas durante décadas. Mais, fóra das Illas Británicas onde vive a maior comunidade galesa é en Chubut, na patagonia arxentina. E falan o coñecido como 'galés patagónico' (en galés, Cymraeg y Wladfa). Calculábase no 2.000 que entre 5.000 e 12.000 persoas tiñen este idioma como lingua materna e que por volta de 25.000 tíñana como segundo idioma, tras o español.

 

O Partido Laborista é o maioritario na Asemblea Nacional de Gales, onde posúe 28 dos seus 60 escanos. Síguelle o Partido Conservador, con 11 deputados e o independentista Plaid Cymru, con 10 cadeiras. O independentismo galés ten un deputado no Europarlamento e catro representantes no Parlamento Británico, así como máis de 200 concelleiros. 

 

 



x