O EX PRIMEIRO MINISTRO FALA DO COMPORTAMENTO "FRANQUISTA" DE RAJOY

Goberno e oposición belgas cuestionan a política española sobre Catalunya

Goberno e oposición belgas cuestionan a política española sobre Catalunya
Un aspecto do Parlamento belga
Un aspecto do Parlamento belga  

Pésimas noticias para a estratexia española sobre Catalunya: este domingo, as principais forzas políticas belgas -quer as da oposición quer as do goberno- criticaron a focaxe represiva coa que desde Madrid se está a tratar a cuestión catalá. 


As voces críticas que se alzan desde a política belga non prexulgan a decisión que este país debe tomar sobre se entrega ou non ao Estado español Carles Puigdemont e os 4 consellers, pois esa determinación lle corresponde a unha autoridade xudicial independente do poder executivo.

 

Con todo, é evidente que as opinións desfavorábeis para Madrid contribúen a criar certo caldo de cultivo e desde logo inflúen na percepción que sobre o asunto poda ter a opinión pública, quer a belga quer a do conxunto da UE.

 

O certo é que as críticas á actuación do Goberno Rajoy en Catalunya proceden quer de forzas políticas que están no goberno -desde a flamenga Nova Alianza até o Movimento Reformador- quer desde o partido que lidera a oposición, o Partido Socialista do ex primeiro ministro, o francófono Elio di Rupo.

 

Di Rupo foi quen máis lonxe chegou no ataque á posición española. O ex primeiro ministro lanzou os seus dardos en todas as direccións. Rumo a Barcelona, dixo de Puigdemont que "abusara da súa posición", aliás a carga de profundidade contra Madrid foi maior, até o ponto de atribuír a Rajoy un comportamento propio dun "franquista autoritario".

 

 

Por súa parte, o ministro de Interior, o flamengo Jan Jambon (Nova Alianza), dixo taxativamente que Madrid fora "lonxe de máis", en alusión á escalada represiva despregada en Catalunya polo Estado español, con especial destaque para as cargas policiais do 1-O. Jambon até deslizou un argumento de implicito respaldo á declaración da independencia: "Cumpriron [Puigdemont e os 4 consellers] co mandato que receberan dos seus eleitores".

 

Menos claro na crítica a Rajoy, o primeiro ministro belga, Charles Michel, que no seu día cuestionara a violencia policial durante a xornada do referendo, reafirmou a súa aposta no diálogo e na negociación.

 

 



x