O Govern en pleno asina o decreto de convocatoria do referendo após a lei ser aprobada polo Parlament

O Govern en pleno asina o decreto de convocatoria do referendo após a lei ser aprobada polo Parlament
O Govern reunido en pleno para asinar o decreto de convocatoria
O Govern reunido en pleno para asinar o decreto de convocatoria  

Non hai marcha atrás. O Govern en pleno asinou ao fío das 23.30 horas desta cuarta feira o decreto de convocatoria do referendo do 1 de outubro, após a maioría absoluta do soberanismo aprobar a lei que lle dá amparo nun convulso, enguedellado e maratoniano pleno do Parlament. Só as formacións independentistas deron o seu Si á Lei do Referendo. Catalunya sí que es Pot -a moi fraccionada confluencia catalá- optou pola abstención. PP, PSC e Cs abandonaron o hemiciclo sen emitiren o seu voto.


Catalunya xa ten cobertura legal para realizar o seu referendo de autodeterminación o 1 de Outubro, a que lle outorga a Lei do Referendo aprobada polo seu Parlament nacional. Non foi doado. A norma sae adiante após un debate tumultuoso, marcado polo filibusterismo parlamentar dunhas formacións unionistas que botaron man de toda caste de trapelas regulamentares para dilatar e entorpecer o desenvolvimento da sesión.

 

Como estaba no guión, a norma obtén a luz verde da cámara só cos votos a favor das formacións soberanistas, as que dan soporte ao Govern que lideran Puigdemon e Junqueras, isto é, Junts pel Sí (a coligação de ERC e o Partit Demòcrata) e a CUP. Catalunya si que es Pot apostou na equidistancia e, a seguir un debate en que espiu as súas graves contradicións internas, acabou por se abster. O núcleo duro do unionismo -PP, PSC e Cs- quixo deslexitimar a aprobación da lei e abandonou a cámara no momento en que se submeteu a votación sen sequer emitir o seu previsíbel voto negativo.

 

A seguir a aprobación da lei polo Parlament -promulgada por Puigdemont como presidente da Generalitat por volta das 23 horas, o Govern en pleno reuniuse nun salón da Cámara para asinar o decreto de convocatoria do referendo. Unha asinatura en bloco de todos e cada un dos integrantes do Executivo, que se colocan de imediato no albo dos aparatos do poder xudicial do Estado, a comezar por un Tribunal Constitucional que con toda seguranza proporá a inhabilitación de president, vicepresident e todos os consellers.

 

Unha crise institucional sen precedentes no réxime de 1978, que fica claramente tocado nos seus alicerces fundacionais, é o escenario que se abre agora por diante. O Govern e as forzas políticas que lle dan sustento están lonxe de estaren sós. A batallar vaise trasladar do Parc da Ciutadella -o emblemático parque de Barcelona en que se ubica o Parlament- ás rúas. E nesa baza, na da mobilización cidadá, o soberanismo é imbatíbel en Catalunya. A previsíbel ofensiva autoritaria do Estado na súa carreira por tentar impedir o referendo terá, a bon seguro, cumprida resposta o 11 de setembro na manifestación xigante da Diada. 



x