Os herdeiros de Touro Sentado revóltanse contra un oleoducto en Dakota do Norte.

Os herdeiros de Touro Sentado revóltanse contra un oleoducto en Dakota do Norte.
Imaxe: Revolution Messaging @ Flickr
Imaxe: Revolution Messaging @ Flickr  

O exército dos Estados Unidos e o gobernador de Dakota ordenaron que unha das protestas indíxenas máis multitudinarias e prolongadas dos últimos tempos levante o seu campamento. Sioux e activistas opóñense a unha infraestrutura que temen que contamine os recursos e destrúa os lugares que consideran sacros. 


Os protestos comezaron na primavera de 2016 na reserva india de Standing Rock, cuxo territorio atravesa a fronteira dos estados de Dakota do Norte e Dakota do Sur. Na reserva están indíxenas sioux, concretamente lakotas e dakotas, que son os herdeiros de Touro Sentado (Thathanka Iyothake), o gran líder indio do século XIX. A intención de que un oleoducto traspase esas terras está no xerme das mobilizacións.

O 'Dakota Access' é un oleoducto subterráneo de perto de 1.900 quilómetros de lonxitude que no 2017 ha de unir uns campos petrolíferos ubicados no extremo septentrional de Dakota do Norte -perto da fronteira con Canadá- cunha terminal en Illinois. As previsións son que o oleoducto transporte 470.000 barrís de cru diarios. A construtora defende que esta infraestrutura contribúe á “independencia enerxética de Estados Unidos” e vai reportar beneficios millonarios en forma de impostos nos estados de Dakota, Iowa e Illinois.

Impacto

Porén, para os indios de Standing Rock a construción deste oleoducto vai ter un impacto prexudicial e negativo no ambiente, afectando nomeadamente as fontes de auga da reserva, para alén de destruír espazos de importancia histórica, cultural e relixiosa para os sioux. A medida que pasaban os meses a protesta foi adquirindo notoriedade, confluíndo na mesma defensores dos dereitos dos pobos indíxenas e valedores do medio ambiente.

A construtora non ten permiso do corpo de enxeñeiros do exército dos EUA para facer o oleoducto no lago Oahe. Este corpo está a revisar se o proxecto é seguro para a calidade da auga, tendo en conta que este lago é fonte de auga potábel para millóns de persoas. Para os lakotas, a zona tamén ten unha importancia simbólica.

Durante as mobilizacións houbo diversos enfrontamentos entre policía e manifestantes. Un dos máis graves tivo lugar o 20 de novembro, con centos de persoas feridas, segundo os protestantes, algunha delas de moita gravidade.

O gobernador de Dakota do Norte, Jack Dalrymple (Partido Republicano), odenou a evacuación inmediata do campo argumentando que nesa zona vai ir temperaturas moi baixas. O corpo de enxeñeiros do exército de EUA tamén ordenou que antes do 5 de decembro abandonen os terreos que ocupan e que son de propiedade federal.

Información traducida de Nationalia.