Honduras revólvese contra a manipulación electoral e o goberno declara o estado de sitio

Honduras revólvese contra a manipulación electoral e o goberno declara o estado de sitio
Partidarios do progresista Nasralla nunha concetración [Imaxe: ultimasnotas.com]
Partidarios do progresista Nasralla nunha concetración [Imaxe: ultimasnotas.com]  

Milleiros de persoas mobilizáronse en 14 dos 18 departamentos do país, diante da falla de transparencia que envolve o reconto electoral dos comicios presidenciais celebrados o pasado domingo. O candidato progresista, Salvador Nasralla denunciou o intento de manipulación electoral para forzar a reelección do actual presidente Orlando Hernández. O goberno de Hernández reaccionou declarando o estado de sitio e despregando unha forte represión policial. 7 persoas morreron por causa dos disturbios e máis de vinte resultaron feridas.


A piques de se cumprir unha semana da celebración das eleccións presidenciais Honduras continúa sen ter proclamado un resultado definitivo polo seu Tribunal Supremo Electoral (TSE). A enorme demora no reconto, no que as forzas progresistas denuncian a existencia de irregularidades, e a sorprendente reversión do resultado colocando temporalmente en cabeza o oficialista Orlando Hernández, cando co 70% dos sufraxios contabilizados os datos oficiais outorgábanlle un 5% de vantaxe ao opositor Salvador Nasralla, da Alianza de Oposición contra a Ditadura, nunha tendencia estadísticamente irreversíbel, elevou a temperatura social. Diante do temor fundado de que se poidan manipular os resultados para asegurar a reelección do neoliberal Hernández, os partidarios de Nasralla tomaron as rúas do país con importantes mobilizacións populares. 

 

Co 70% das actas escrutadas, Nasralla estaba en primeiro lugar con cinco puntos de vantaxe sobre Hernández. Co 94% escrutado, Hernández adiantou a Nasralla, segundo o TSE, cun punto e medio de distancia. Unha dubidosa variación de 6,5 puntos nunha faixa do 24%.

A resposta gobernamental foi a da represión policial. Os incidentes xa terían custado a vida de sete persoas e unha vintena de feridos, inda que a policía hondureña non confirmou eses datos. Varias das vítimas serían menores de idade. Aliás, máis dun cento de persoas terían sido detidas no decurso das mobilizacións. O goberno de Hernández decidiu suspender garantías e dereitos a través do decreto de estado de sitio para os próximos dez días. A medida inclúe un toque de queda xeral de seis da tarde a seis da mañá, e tamén supón restricións ao exercicio informativo dos medios de comunicación. 

 

“Quero condenar a represión da que están sendo obxecto os nosos compatriotas a nivel nacional. A xente do goberno infiltrouse nas nosas manifestacións de protesta para xerar violencia. Pero aquí a violencia só a está exercendo o presidente da república, porque está violentando a vontade popular”, declarou Nasralla.  “Estamos sendo vítimas dun roubo e o denuncio internacionalmente. Ningún país do mundo vai recoñecer un triunfo ilegal [de Hernández]. Todos saben que a tendencia do 5 por cento por diante de Hernández co 70% das actas [contabilizadas] é irreversíbel, e queren facernos crera que con tan só o 30% do que faltaba se inverteu a tendencia. Iso é matematicamente imposíbel. É absurdo”, acrecentou o candidato auspiciado polas forzas progresistas. 

 

A vitoria de Nasralla suporía a derrota do golpe institucional que en 2009 desaloxou pola forza a Mel Zelaya da presidencia da república, polo seu aliñamento cos gobernos progresistas e antiimperialistas da rexión. 

 

Reconto inconcluso

Os últimos datos publicados polo TSE, co 94,35% das actas rexistradas, outorgan provisionalmente a vitoria a Hernández, cun 42,92% dos votos. Nasralla ficaría en segundo lugar, a moi pouca distancia, cun 41,42%. A terceira forza, o Partido Liberal, que obtería un 14,75% xa recoñeceu a pasada segunda feira a vitoria de Nasralla. A elección presidencial en Honduras non ten segunda volta, e resulta elixido o candidato que obteña máis votos. 

 

O Tribunal Supremo Electoral ten agora a encomenda de realizar un escrutinio especial, revisando máis de mil actas que foron obxectadas por presuntamente ter algún tipo de anomalía. Nelas incluiríanse, segundo as forzas opositoras, preto de 300 mil votos favorábeis na súa maioría a Nasralla. 

 



x