O independentismo fica ás portas da maioría absoluta en Catalunya segundo unha enquisa

O independentismo fica ás portas da maioría absoluta en Catalunya segundo unha enquisa
Imaxe de arquivo do Parlament de Catalunya.
Imaxe de arquivo do Parlament de Catalunya.  

As forzas independentistas ficarían ás portas da maioría absoluta segundo unha enquista que publica este domingo La Vanguardia. A investigación, que se realizou entre os días 30 de outubro e 3 de novembro, sinala que o bloque composto por ERC, PDeCat e as CUP alcanzaría entre 66 e 69 escanos nas eleccións do 21D. A maioría na cámara está nos 68 escanos, e as tres forzas soberanistas sumaban ate hoxe 72.


Non haberá maioría independentista no Parlament se as forzas soberanistas concorren ás eleccións do 21D por separado. Así o reflicte a enquisa de GAD3 para La Vanguardia. A vitoria de ERC nos comicios non resultaría suficiente, segundo esta investigación. A formación de Oriol Junqueras obtería entre 45-46 actas, pero a suma cos seus socios, o PDeCat (14 ou 15) e as CUP (7 ou 8), non alcanzaría para manter o apoio a un goberno independentista.

 

Porén, a enquisa tamén ofrece unha posíbel maioría absoluta, moi axustada, no rango máis alto con 69 escanos para os soberanistas. Nos últimos días producíronse distintos chamamentos a unha fronte común, desde o actual presidente, Carles Puigdemont (PDeCat), aos dos seus socios ERC e as CUP -que onte anunciaron que rexistrarán unha ‘marca branca’ antes da terza feira, o día que remata o prazo para formalizar as coalicións, que permita prosperar un acordo nos días seguintes¬-. Ninguén descarta unha coalición ampla, mesmo con sectores próximos ao soberanismo no PSC e en Podem, xa coñecidas as dimisións de alcaldesas socialistas e o enfrontamento entre Pablo Iglesias e Albano Dante Fachin.

 

Segundo a enquisa de La Vanguardia, todas as forzas unionistas mellorarían os resultados de 2015: Ciudadanos podería sumar dous ou tres escanos máis, o PSC ate catro e o PP, hoxe con 11, estaría entre 10 e 12 escanos. Mentres que Catalunya en Comú podería perder unha ou dúas actas. Malia estes prognósticos, os líderes mellor valorados seguen sendo Carles Puigdemont e Oriol Junqueras.

 

A hipótese da coalición nacionalista

Baixo o título de O impacto electoral da unidade, o politólogo Joan Serra explicaba onte en El Nacional que os efectos dunha coalición ampla –a que reclamara tamén onte Marta Rovira desde ERC– poderían producir uns resultados moi diferentes aos que avanzan as enquisas destes días. Serra sostén que, dado que a Lei d’Hondt prima á forza gañadora, “en ningún caso a coalición obtería menos escanos dos que obterían os partidos por separado” e podería gañar ate 4 escanos respecto dos resultados de 2015 (72 entre a coalición JxSí e ás CUP). Segundo Serra, as posibilidades matemáticas de gañar un escano serían dun 25% e de gañar dous, do 37,5%. Nos seus cálculos, non variarían as distribucións das actas entre independentistas e unionistas nin en Lleida nin en Tarragona, pero si que a coalición soberanista arrebataría un escano ao PP en Barcelona e outro aos comúns en Girona. Todo isto, cos resultados do 2015…



x