21-D

O independentismo gañaría as eleccións con ERC á cabeza

O independentismo gañaría as eleccións con ERC á cabeza
[Imaxe: Dani Candal] Reconto do 1-O
[Imaxe: Dani Candal] Reconto do 1-O  

Non habería sorpasso do unionismo, aínda que Ciudadanos se situaría como segunda forza con 31-32 escanos, por detrás de ERC, que gañaría as eleccións do 21-D ao obter 35 ou 36 asentos no Parlament. Así, o independentismo seguiría ostentando a maioría en Catalunya.


Fronte ao apuntado pola última enquisa do CIS, o independentismo mantería a maioría absoluta en Catalunya e a vencedora do 21-D sería ERC, que se faría con 35 ou 36 escanos, seguida de Ciudadanos, que se situaría como segunda forza do Parlament, con 31 ou 32. A forte caída do PP impediría o sorpasso do unionismo. Son os principais resultados da primeira mostra do tracking publicado por El Nacional, realizado a partir de enquisas telefónicas entre o 1 e o 5 de decembro.

 

A forza política encabezada por Oriol Junqueras, a quen o xuíz mantén na cadea, obtería un 23,97% dos votos –nas pasadas eleccións presentárase con Junts Pel Si– e Ciudadanos, con Inés Arrimadas á cabeza, subiría de 25 a 31-32 escanos co 22,82% do voto estimado. A terceira forza sería JuntsXCat, encabezada desde o exilio en Bélgica polo president Carles Puigdemont, coa euroorde de detención retirada, que obtería entre 24 e 26 escanos e un 17,06% dos apoios.

 

En cuarto lugar situaríase o PSC de Miquel Iceta, que subiría dos 16 parlamentares a 19-20 e que se faría cun 13,46% dos votos. O quinto lugar sería para Catalunya En Comú-Podem, con 11 escanos –os mesmos que ten– e cun 9,30% do voto (sobe apenas 0,36 décimas). A continuación situaríase a CUP, que cedería dous escanos ao baixar de 10 a 8 e ao ficar co 6,40% dos votos. Por detrás da CUP colocaríase o PP de Xavier García Albiol, que caería dos 11 escanos a 6-7 e que lograría un voto estimado do 6,18%.

 

Vence o bloque independentista

 

Segundo esta sondaxe, ERC, JuntsXCat e a CUP poderían acadar até 70 escanos, dous menos que os acadados nas anteriores eleccións –a maioría absoluta está nos 68–. As forzas encabezadas por Junqueras e Puigdemon sumarían neste caso 62 escanos, isto é, repetirían por separado o resultado de JuntsXSi do 27-S de 2015. A porcentaxe de voto total dos independentistas sería do 47,43%, só 0,37 décimas menos que en 2015, cando recolleran o 47,8% dos votos.

 

Pola contra, os partidos unionistas faríanse cun máximo de 59 escanos, 11 menos que os independentistas, cun 42,46% do voto estimado, 3,35 puntos máis que nos anteriores comicios.

 

Participación histórica

 

A sondaxe publicada por El Nacional –cunha mostra de 200 enquisas diarias, cun nivel de confianza do 96,84% para as mil enquisas previstas e cunha marxe de erro total do +3,16%– prevé unha participación histórica do 80,53%. Un dado superior ao de 2015, cando a participación acadou o 74,95%.

 

O traballo foi encargado por este medio á empresa Feedback, dirixida polo doutor en Socioloxía Jordi Sauret, quen fora responsábel do Racòmetre de Rac-1 de 2006 a 2012 e dos traballos de campo das enquisas para La Vanguardia entre 2012 e 2015.



x