Interior ten un plano para desprazar 4.000 policías a Catalunya para o 1-O

Interior ten un plano para desprazar 4.000 policías a Catalunya para o 1-O

O Estado ten un plano B por se os Mossos d'Esquadra non obedecen as ordes da Fiscalía. De acordo cunha información publicada esta terza feira por Europa Press, o MInisterio de Interior dispón dunha reserva de 4.000 policías para, no prazo de 24 horas, seren enviados a Catalunya se fixer falta para impedir o referendo.


O Estado continúa a activar todos os seus aparatos represivos con vistas a materializar a prohibición do referendo de autodeterminación decretada polo Tribunal Constitucional. Neste momento, Interior traballa en dous cenarios. O primeiro, o de lograr a obediencia dos Mossos ás disposicións do TC, para o cal a Fiscalía se dirixiu esta terza feira ao major do corpo policial catalán, Josep Lluis Trapero.

 

Trapero recebeu unha instrución concreta: para evitar que se consuma o "delito" os Mossos deben requisar urnas e todo o material preciso para a realización da consulta. O chefe da policía catalá distribuiu a orde da Fiscalía a todos os axentes do corpo de seguranza autonómico.

 

Por parte do Govern, o conseller da Presidencia, Jordi Turull, manfiestou que a prioridade dos Mossos é "perseguir terroristas" e non "requisar urnas".

 

O outro cenario que manexa o Estado -na eventualidade de os Mossos se resistiren a materializar as ordes do TC- é o envío masivo de policías -até un total de 4.000 efectivos, que serían deslocábeis a Catalunya en apenas 24 horas.

 

Neste momento a policía nacional (sic) dispón de 6,000 axentes en toda Catalunya, polo que na práctica duplicaría os seus efectivos caso deste plano B vir a se materializar.

 

Segundo as fontes consultadas por Europa Press, a pretensión das forzas de seguridade do Estado -alén de impedir o referendo- sería evitar que se produzan altercados entre a policía e "grupos radicais" que puidesen ser utilizados polo independentismo para desviar a atención do que antecipan como "fracaso da celebración do referendo".

 



x