CARLES PUIGDEMONT

"Iremos aos tribunais internacionais e España pasará vergoña"

"Iremos aos tribunais internacionais e España pasará vergoña"
Un momento da entrevista [Foto: @maticatradio]
Un momento da entrevista [Foto: @maticatradio]  

O litixio entre Catalunya e o Estado non vai rematar coa entrega ou non de Puigdemont e os 4 consellers ás autoridades españolas. O president anunciou esta terza feira, nunha entrevista en Catalunya Radio, que o Govern recorrerá á xustiza internacional para denunciar o "golpe de Estado ilegal" perpetrado contra as institucións catalás. "Iremos aos tribunais internacionais e España pasará vergoña", di o dirixente independentista, quen se postula como candidato ás eleccións do 21 de decembro.


"Estamos en Bélxica para defender os direitos do Govern lexítimo de Catalunya", dixo Puigdemont á xornalista Mònica Terribas, a estrela de Catalunya Radio, estes días no albo dos unionistas pola súa pretensa proximidade ás posicións soberanistas. Puigdemont enfatizou que a internacionalización do conflito, que el e os 4 consellers axitan, "axuda os compañeiros encarcerados". Non estaría en Bruxelas, pois, para "eludir responsabilidades", mais para "facer unha tarefa".

 

A entrevista foi realizada en Bélxica e nela tomaron parte tamén os 4 integrantes do Govern que acompañan Puigdemont.

 

O president asume a hipótese de finalmente vir a ser entregado ás autoridades españolas. "Todos sabemos que podemos acabar na prisión, aínda que con iso non remata nada, senón que se complica e se agrava todo", dixo. O encarceramento de todo o Govern simbolizaría "que nos temos de manter no Estado español por obriga", o cal non é "a mellor maneira de construír os estados".

 

Puigdemont considera ilexítimo o seu cesamento como president. "Cesounos un partido que está en minoría en Catalunya", alegou, en alusión a que nas eleccións de setembro de 2015 ao Parlament o PP apenas ultrapasou 8 por cento dos votos. "Non fomos cesados por ningunha causa prevista na lei, senón por un golpe de estado ilegal", acrecentou.

 

Non vai ficar o Govern na pura denuncia política do Estado. Puigdemont anunciou que recorrerán ás cortes de xustiza globais. "Iremos aos tribunais internacionais e España pasará vergoña", dixo.

 

"Europa non pode ter presos políticos porque Europa non pode ter un Govern na prisión ou no exilio", dixo Puigdemont, o que levou a Terribas a lle perguntar se con efeito o executivo catalán está xa no exilio. "Ben, en todo caso, non estamos na casa, eu querería estar no Palau da Generalitat", respondeu.

 



x