MANIFESTACIÓN HISTÓRICA

Iruñea clama pola liberdade das mozas e mozos de Altsasu

Iruñea clama pola liberdade das mozas e mozos de Altsasu

Esta segunda feira, 16 de abril, enceta na Audiencia Nacional española o xuízo contra oito mozas e mozos de Altsasu acusados dun delito de “terrorismo” por unha lea con dous gardas civís fóra de servizo no exterior dun bar. Aproveitando o comezo do xuízo, milleiros de persoas reclamaron a liberdade dos encarcerados nunha mobilización histórica.


Milleiros de persoas -50 mil segundo a organización- saíron ás rúas de Iruñea o sábado, 14 de abril, pola tarde no que foi unha das manifestacións máis multitudinarias das que se lembran na cidade. O motivo: reclamar a liberdade das oito mozas e mozos e Altsasu acusados dun delito de “terrorismo” por unha lea cuns garda civís fóra de servizo no exterior dun bar. Uns feitos que tiveron lugar o 16 de outubro de 2016.

 

Ainara enfróntanse a unha pena de 12 anos e medio; Adur, Jokin, Iñaki, Julen, Artz e Jonan, a 50 anos e Oihan, a 62 e medio. Tres deles levan máis de 500 días nas cadeas de Estremera, Navalcarnero e Aranjuenz, a centos de quilómetros das súas familias.

 

“Dixemos que iamos converter Iruñea na cidade da xustiza e ficou patente que así foi”, salientaron os pais e nais dos mozos na manifestación. Lembraron que os seus fillos se enfrontan “a un tribunal excepcional, afastado da realidade navarra, onde non se cumpren as garantías mínimas para un xuízo xusto”. “Este tribunal impediu aos nosos avogados a presentación de probas e testemuños fundamentais”, agregaron, antes de solicitaren que se cumpran “os dereitos fundamentais para todas e todos”.

 

As familiares advertiron que non só está en xogo o futuro dos seus fillos e fillas, senón “os dereitos e principios democráticos, como a presunción de inocencia, o dereito ao xuíz natural, o uso non extensivo da lei, o principio de proporcionalidade ou o dereito á defensa e a un xuízo imparcial”. Temen que “a esaxeración, a distorsión e desproporción” acabe na imposición de longas penas de cárcere que “non se corresponden coa gravidade dos feitos”.

 

Único caso considerado "terrorismo"

 

“Desde o primeiro momento, lamentamos os feitos daquela madrugada e consideramos que nunca deberon ocorrer”, afirmaron. Lembraron ao respeito que feitos semellantes foron resoltos con penas menores, multas e indemnizacións, “en 2016, segundo fontes do Ministerio do Interior, producíronse 9.571 casos de broncas ou enfrontamentos con policías ou gardas civís e o de Altsasu constitúe o único caso que se clasifica como terrorista”.

 

Entre as persoas manifestantes atopábanse a portavoz do Goberno de Nafarroa, María Solana, que reiterou que o Executivo quere que se garanta o principio de proporcionalidade, que “choca directamente cunha prisión preventiva que dura xa máis de 500 días”. Tamén estivo presente o portavoz de EH Bildu no Parlamento de Nafarroa, Adolfo Araiz; o alcalde de Iruñea ou o lehendakari Carlos Garaikoetxea. Fixeron o propio responsábeis sindicais e rostros coñecidos do deporte e da cultura, como Fermin Muguruza.



x