PRESIDENTE DA COMISIÓN EUROPEA

Juncker: "Se a independencia de Catalunya ve a luz, aceitaremos esta elección"

Juncker: "Se a independencia de Catalunya ve a luz, aceitaremos esta elección"
Juncker
Juncker  

A frente exterior é chave na batalla catalá e non é seguro que o Estado teña ese asunto absolutamente controlado. Esta mesma quinta feira, o presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, nunha entrevista en Euronews, combinou as mensaxes de respeito á legalidade española co recoñecimento implícito dunha hipotética Catalunya independente por parte das autoridades comunitarias.


Juncker esforzouse por aparecer neutral no conflito político que enfronta o pobo catalán que desexa votar o 1-0 (80 por cento de catalás e cataláns a prol do referendo) e o Estado español que persegue as urnas e quer investigar os alcaldes que disponibilizan os locais eleitoriais.

 

A Comisión Europea, enfatizou, "non vai tomar parte en debates internos", dixo, embora estes lle pareceren, quixo acrescentar, "democráticos, aceitábeis e aceitados".

 

A partir desa declaración inicial, Juncker remou a favor duns e tamén dos outros. A favor das teses do Estado español, dixo que está por "respeitar a xustiza e o Parlamento español". Mais a favor das teses catalás deixou a frase con máis carga política: "Se a independencia de Catalunya ve a luz, respeitaremos esta elección", dixo. 

 

A UE, por tanto, recoñecería a decisión do pobo catalán se este finalmente se pronunciar polo Si no referendo.

 

Aliás, a seguir esclareceu que unha Catalunya independente ficaría fóra da UE en primeira instancia e que se tería de submeter a un proceso de adhesión tal e como o teñen feito os países que se teñen incorporado ao clube comunitario desde 2004. 



x