O SUPREMO DECIDIRÁ NAS PRÓXIMAS HORAS

Junqueras apela ao "diálogo e á bilateralidade" para demandar a súa saída de prisión

Junqueras apela ao "diálogo e á bilateralidade" para demandar a súa saída de prisión
O avogado de Junqueras atende os meios
O avogado de Junqueras atende os meios  

Carpetazo á unilateralidade. A aposta de ERC é agora "diálogo" e "bilateralidade". Así o defendeu esta quinta feira Oriol Junqueras no Tribunal Supremo perante os tres maxistrados que deberán decidir se lle conceden ou non a liberdade provisional. O Estado oponse.


 

A Fiscalía considera que existe risco de reiteración delictiva e defende que non se dan as condicións para pór fin á prisión provisional que mantén Junqueras entre reixas, en Estremera, desde o pasado 2 de novembro. O MInisterio Público -dependente hierarquicamente dun fiscal xeral nomeado a dedo polo poder executivo- opina, canda o xuíz Pablo Llarena, que non se debe atender a petición da defensa do líder de ERC e que este, consecuentemente, debe manterse na cadea até ser xulgado (o xuízo podería non se realizar até máis alá do verán deste ano).

 

Esta quinta feira a sala segunda do Tribunal Supremo reuniuse para ouvir os argumentos da Fiscalía e da defensa de Junqueras. Serán tres maxistrados -Miguel Colmenero, Alberto Jorge Barreiro e Francisco Monterde- os que terán de determinar se aceitan ou non a apelación do avogado do ex vicepresident da Generalitat contra a decisión ditada polo xuíz Llarena o pasado 4 de decembro en que se determinaba o mantimento da prisión provisional.

 

O avogado de Oriol Junqueras, Andreu Van den Eynde, argumentou perante o tribunal que neste momento carece de sentido unha medida cautelar tan severa como a de manter Junqueras na prisión, sendo que coa realización das eleccións do pasado 21D se tería producido unha mudanza no cenario, como demostraría o feito de o Estado ter decidido retirar os efectivos policiais extras que no seu día desprazou ao Principat nas vésperas do referendo de 1 de outubro. Van den Eynde argüíu aínda que o seu defendido ten sido eleito parlamentar e alegou o seu direito á participación política para xustificar a súa saída de prisión.

 

Nengún destes argumentos tería convencido a Fiscalía -representante neste xuízo das posicións do Executivo español-, para quen continúa a existir risco de reiteración delictiva na eventualidade de Junqueras abandonar Estremera. A sesión concluíu cun alegato final do propio Junqueras, quen puido falar grazas a que lle foi concedida a palabra polo tribunal -era potestade exclusiva dos maxistrados concederlle ou non a quenda ao líder de ERC.

 

Na súa intervención, o ex vicepresident -a quen Esquerra postularía como president na eventualidade de finalmente fracasar a vía Puigdemont- fixo unha aposta explícita polo "diálogo" e a "bilateralidade", alén de se apresentar como un "home de paz".

 

A decisión dos maxistrados do Supremo, segundo informan ElNacional.Cat NacioDigital, vaise coñecer nas próximas horas, mais non esta mesma quinta feira.

 

Optimismo de Van den Eynde

 

Ao termo da sesión, o avogado de Junqueras, nun encontro cos meios, abriu a billa dun certo optimismo. "Foi unha vista proveitosa e agardemos que teñan en conta os nosos argumentos", dixo. Constituído en portavoz do ex vicepresident, sintetizou así a intervención de Junqueras perante o tribunal: "Reafirmou a súa defensa do diálogo, da solución negociada, da bilateralidade, que se ten materializado na campaña de ERC e que só pola obstinación de querer crear un risco artificial se ten desbaldido. Reafirmou un compromiso persoal baseado nas súas conviccións morais e enviou unha mensaxe de concordia".



x