ENTREVISTA DESDE ESTREMERA

Junqueras aspira a ser investido presidente da Generalitat aínda que deba voltar á prisión

Junqueras aspira a ser investido presidente da Generalitat aínda que deba voltar á prisión
Junqueras, a 11 de novembro, á súa chegada á Audiencia Nacional
Junqueras, a 11 de novembro, á súa chegada á Audiencia Nacional  Foto: NacióDigital

Lembra que está na cadea só de forma preventiva e que non hai nengunha razón xurídica para que se manteñan as medidas cautelares que lle poderían impedir asistir á sesión de investidura. Alega que até 150 catedráticos e profesores de direito penal español avalan que a súa estancia en prisión non anula o seu direito á participación política.


ERC comeza a traballar coa seguinte perspectiva: a de investir como presidente Oriol Junqueras e a de ter na recámara como titular executiva do Govern Marta Rivera. Sería, portanto, un Govern bicéfalo: cun presidente que sairía da prisión só para ser investido -e que tería de voltar a ela en tanto non fose xulgado- e cunha presidenta en exercicio, a número dous da organización.

 

Esta segunda feira, o líder de ERC concedeu unha breve entrevista a RAC1, a primeira emisora de Catalunya, unha radio privada pertencente ao grupo La Vanguardia. A conversa puido gravarse grazas a que Junqueras utilizou o direito a realizar unha chamada persoal -neste caso a un amigo- cunha duración taxada de 5 minutos. A chamada foi oportunamente desviada a RAC1, que desta forma puido entrevistar o político independentista. Junqueras revelou esta circunstancia a Institucións Penitenciarias e exponse a ser sancionado, pois en principio segundo a actual regulación non tería direito a este tipo de contactos co exterior.

 

Na entrevista, Junqueras expresou con clareza cal vai ser a estratexia de ERC se o bloco independentista dispón de apoios suficientes no Parlament para formar goberno. "Espero poder ir, seguro que será así, á sesión de investidura. Espero que podamos facer goberno, estou certo de que o formaremos. Estou certo de que eu propio, se así o Parlament o decidir, terei a oportunidade de o presidir. Sempre ao servizo da xente, ao servizo do país".

 

E se após a investidura Junqueras -como é case seguro- ten de voltar á prisión? Pensa ERC nunha presidencia "lexislativa" (a eleita na investidura polo Parlament) e outra "executiva"?, perguntou o xornalista de RAC1. "Haberá os mecanismos necesarios porque todo funcione o mellor posíbel", respondeu Junqueras, certo de que "non hai a menor posibilidade de que se restrinxa o meu direito a asistir á sesión de investidura". "Non hai razón", acrecentou, "para manter as medidas cautelares, lembrade que estamos en prisión de forma preventiva [Junqueras conserva a presunción de inocencia, pois aínda non foi xulgado e o direito de participación política en teoría non o ten limitado]".

 

E para reforzar a súa argumentación, Junqueras apelou á opinión de "por volta de 150 catedráticos e profesores de direito penal españois" que, enfatizou, teñen defendido o direito do presidente de ERC a participar activamente en política embora estea privado de liberdade de forma preventiva.

 

A vida en prisión

 

Os cinco minutos de conversa abondaron para Junqueras relatar algúns pormenores de como pasa os días no penal de Estremera. "Estou ben. Leo, escribo, fago deporte, fago moitas cousas que até agora non puiden facer demasiado (...) a estancia nunha prisión contribúe para reforzar o ánimo, faite máis forte e faite máis convencido de aquilo que sempre defendiche".

 

 



x