RECEOS POR PARTE DOS EUA

Kim Jong-un convida o seu homólogo sul-coreano a visitar Pyongyang

Kim Jong-un convida o seu homólogo sul-coreano a visitar Pyongyang
Kim Jong-un
Kim Jong-un  

O líder norcoreano cursou un convite a Moon Jaen In, o presidente de Corea do Sul, para realizaren unha cimeira en Pyongyang. O encontro non sería do agrado dos EUA.


Novo movimento de distensión por parte de Pyongyang, que veu precedido da visita de Kim Yo-Jong, irmá de Kim Jong-un, a Corea do Sul para asistir aos Xogos Olímpicos de Inverno. Precisamente tería sido Kim Yo-Jong quen tería transmitido o convite do seu irmao ao presidente sul-coreano Moon Jaen In.

 

A iniciativa non é novidosa. En 2000 e 2007 o líder norcoreano -naquela altura Kim Jong Il, pai de Kim Jong-un- mantivo cimeiras cos sulcoreanos Kim Dae-jung e Roh Moo-Hyun. 

 

Quen olla con receos estas achegas do norte ao sul -tecnicamente aínda en guerra, após un armisticio pór fin en 1953 á guerra de liberación do país contra os EUA- é Washington. A Administración Trump desaconsella a cimeira co argumento de que Pyongyang non se ten comprometido a avanzar na desnuclearización. Kim Jong-un, lonxe de avanzar na dirección que lle apetecería aos EUA, ten declarado recentemente que Corea do Norte é "xa un Estado nuclear por inteiro".

 

En todo caso, os acenos de distensión tiveron como palco a cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos: os atletas do norte e do sul marcharon baixo a mesma bandeira e Kim Yo-Jong apertou a man de Moon Jaen In. Non participou desa atmosfera o vicepresidente norteamericano Mike Pence. Presente no acto, evitou en todo momento calquer achegamento á irmá de Kim Jong-un.

 

 



x