Lenín Moreno gaña as eleccións en Ecuador. A incógnita céntrase en se haberá segunda volta

Lenín Moreno gaña as eleccións en Ecuador. A incógnita céntrase en se haberá segunda volta
Lenín Moreno e Rafael Correa
Lenín Moreno e Rafael Correa  

Expectación por ver se haberá ou non segunda volta. Co 86% do voto escrutado, o candidato continuador de Correa obtén o 39% dos votos polos 28,9% do conservador Lasso.


O proxecto impulsado hai unha década por Rafael Correa semella que vai ter continuidade. Co 86% do voto escrutado, Lenín Moreno, o candidato da alianza Frente Unido obtén o 39,09% dos votos mentres que o principal competidor, o conservador Guillermo Lasso está no 28,9%. O interese céntrase agora en saber se haberá ou non segunda volta. Se Moreno obtén o 40% dos sufraxios e saca unha diferenza de 10 puntos ao segundo, non haberá nova cita coas urnas. Se non é así, o 2 de abril realizaríase a segunda volta. Varios candidatos de formacións e partidos opositores xa anunciaron que pedirían o apoio para Lasso de se dar ese escenario.

Rafael Correa, que deixa o goberno após dez anos de mandato, manifestou a súa satisfacción polo “triunfo contundente do pobo ecuatoriano” nestas eleccións. A vitoria de Moreno implicaría unha continuidade do proxecto. Desde a oposición insinúase que o proceso electoral non foi todo o transparente que debera mais ningún organismo electoral avala as sospeitas.

A coligazón vencedora está integrada pola alianza PAIS, Partido Socialista Ecuatoriano, Partido Comunista Ecuatoriano, así como diversas formacións e movementos rexionais. 



x