Macron, disposto a que a singularidade corsa figure na constitución francesa

Macron, disposto a que a singularidade corsa figure na constitución francesa

O presidente rexeita, iso si, outras reivindicacións do goberno nacionalista, como a cooficialidade do corso ou o estatuto de residente.


Emmanuel Macron está disposto a que a singularidade de Córsega teña cabida na constitución francesa, no marco da reforma do texto que o executivo galo ten en marcha. Pero nada máis alá. O presidente francés aterrou en Córsega para unha visita oficial de dous días a esta illa na que desde decembro de 2015 goberna o nacionalismo (e desde decembro de 2017 cunha máis que ampla maioría absoluta) cunha mensaxe clara: Francia,nación única. Así, e asentándose no centralismo xacobino que a clase gobernante francesa leva no ADN, negou ao goberno corso reivindicacións como a da cooficialidade do idioma corso ("o francés é a única lingua oficial") ou o estatuto de residente (limitar acceso a vivenda de non residentes para acabar coa especulación inmobiliaria).

 

Mais Macron si aceptou estudar outra das reivindicacións, a de que a singularidade de Córsega sexa recoñecida na constitución francesa. Os soberanistas gostarían dun recoñecemento en chave ‘nacional’, mais iso non vai ser. O presidente galo propón que para a illa se busque un punto intermedio entre os territorios de ultramar (Por exemplo, Nova Caledonia) e os continentais.

 

Afirmou na súa visita que Córsega é o territorio francés con máis autonomía e chamou a deixar de lado o debate territorial ou nacionalista para se centrar, dixo, nos problemas reais dos cidadáns.

 

Porén, os cidadáns corsos votaron hai pouco máis dun mes maioritariamente polo soberanismo (57% dos votos), polo que decidiron situar no eixo do debate a cuestión nacional, optando por apoiar aqueles proxectos que defenden maior autogoberno e soberanía coa resolución de problemas económicos e sociais.

 

A visita de Macron non estivo exenta de tensión. O primeiro acto do presidente francés foi unha homenaxe ao prefecto (especie de delegado do goberno) tiroteado nunha acción a comezos dos 90 dunha das faccións armadas do independentismo corso que operaban naquela altura.  O actual presidente corso, Gilles Simeoni, foi avogado defensor dos membros do comando armado. Emmanuel Macron nese acto fixo un duro discurso contra o independentismo e negou calquera posibilidade de amnistía para os presos independentistas corsos, unha das reivindicacións do executivo da illa.

 

Idea da tensión que pairou na visita foi a‘guerra das bandeiras’, que o xornalista Enric González contou en El Mundo. O séquito francés exixiu que a bandeira gala estivese presente en todos os actos públicos que o presidente realizase na illa, algo ao que se opuñan desde o gobernó corso, partidario de que só ondease a corsa ou, en todo caso, ningunha. Finalmente, o executivo de Simeoni cedeu e a bandeira francesa exhibiuse nos actos.“Tamén teriamos posto a bandeira de calquera outro xefe del estado estranxeiro en visita oficial a Córsega" comentaron os soberanistas.



x